A dimisión de Belén Pequeño
15 de xaneiro de 2010. Despois de ter dimitido, a edil Belén Pequeño alegaba que a súa saída do goberno respondía únicamente a diferenzas coa alcaldía, por tratos de favor en expedientes sancionadores de tráfico. A concelleira acusou directamente ao alcalde de practicar o amiguismo na resolución das multas de tráfico.
As acusacións da concelleira que abandonou IxCee son moi graves e ata agora non foron rebatidas polo goberno local, que se limitou a emitir unha nota de prensa alabando as virtudes da policía local, que ten que estar a pé de rúa. Pero o alcalde non entra no fondo do asunto: se houbo ou non trato discriminatorio na tramitación das multas por parte dos axentes, e por qué foi apartada das patrullas de rúa, a persoa que con máis celo cumpría o seu cometido.
En canto á concelleira dimisionaria, convidamola a levar as súas acusacións ante o xulgado, dada a súa gravidade, e porque supoñemos que terá probas do que di.
Finalmente, queremos amosar a nosa maior repulsa ás prácticas caciquís deste goberno, que debe gobernar para todos e todas sen difererenzas, e cada día está mais claro que non o está a facer.