O PSOE intenta vender como incremento nas bolsas escolares o que en realidade é un recorte.

O BNG exixiu ao goberno municipal do PSOE que deixe de manipular os datos para que amosen o que lles interesa.

Betanzos, 28 de xullo de 2012. O BNG lamenta que o PSOE utilice unha trampa contábel para presentar o seu proxecto de orzamentos para este ano 2012, e intente enganar á cidadanía. “Os orzamentos que presenta o goberno local supoñen un incremento do gasto corrente nun 26.43% respecto do orzamento anterior, como o propio alcalde recoñece na súa memoria”, informou Henrique del Río, voceiro municipal do BNG. “A pesar de que o Orzamento se reduce en algo máis de 2 millóns de euros, o gasto  corrente incrementase en medio millón”, engadiu.

O BNG exixiu ao goberno municipal do PSOE que deixe de manipular os datos para que amosen o que lles interesa. “O gasto en festas – que segue sendo de 238.000 euros, aparte a festa da tortilla e a semana do pincho – compárano co ano 2010, mentres que as bolsas para comedor e material escolar as comparan interesadamente co orzamento do ano 2008, que prevía só 3000 euros”. O nacionalista indicou que no ano 2010 o gasto nestas bolsas ascendeu a 15 878.30 euros, e o PSOE só prevé 14 000 no orzamento de 2012. “Estase intentando vender como incremento o que en realidade é un recorte”, evidenciou.

“Entendemos que a comparativa se ten que facer en todos os casos coa conta xeral de 2010, que é o documento onde realmente se sabe o que se gastou nese ano,  dado que non ten sentido facer comparativas cos orzamentos de hai catro anos cando a realidade económica era sensibelmente diferente”, explicou Del Río, “Non podemos comparar có ano 2011, porque aínda non presentaron a conta xeral”.

“Postos a comparar todo co orzamento de 2008, como interesadamente fai o goberno, cando lle convén, poden comparar os 504 671,50 euros de inversións que prevén no 2012, cos máis de 5 millóns do ano 2008”, ironiza o BNG, “ os únicos investimentos que se prevé realizar este ano, fora dalgunha compra de equipamento, son os do Plan de Obras da Deputación”.

O BNG propón habilitar unha partida para crear bolsas para actividades extraescolares

 O BNG presentou unha moción instando ao goberno municipal do PSOE a que habilite unhas bolsas para financiar as actividades extraescolares dos nenos cuxa familia careza de recursos para financialos e un incremento real das bolsas para material escolar e comedor.

“Na situación económica actual vai haber cada vez máis familias que non poidan facer fronte a estes gastos”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Os nacionalistas entenden que “tamén sería importante que o Concello aumentara a contía das bolsas de material escolar para contribuír a paliar a situación económica que viven moitas veciñas e veciños de Betanzos”.

Coa suba do IVE aprobada polo PP no goberno do Estado- que supón que o tipo de IVE do material escolar se incrementa até o 21%- e coa baixada das prestacións por desemprego hai familias que van estar aínda máis afogadas economicamente, entenden no BNG.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]