O BNG propón que o Concello asuma unha parte do canon do edificio do porto a cambio dun uso público de parte das instalacións

Un grupo de piraguas no Mandeo

“Estamos en contra, coa situación económica que estamos vivindo, de que se suban as taxas de escola infantil e se recurten servizos como sanidade ou educación para manter políticas clientelares”.

Betanzos, 20 de xullo de 2012. O BNG reuniuse recentemente cunha representación do clube Ría de Betanzos para coñecer de primeira man os detalles do canon que a Xunta exixe á entidade para utilizar o novo edificio do porto e tentar buscar posíbeis solucións. Neste sentido, os datos barallados polo BNG son os que facilitou a directiva do clube na mentada xuntanza.

“O PP non dixo nada de que houbese que pagar un canon polo uso do edificio cando vendeu o ‘favor’ da súa construcción”, censurou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “En plena crise o PP embarcou a Portos de Galiza na construción dun edificio que agora non se sabe como se vai manter”, indicou. Non sería o único caso de investimentos infrautilizados ou directamente en desuso e mal conservados na comarca. “Mesmo en Betanzos habería casos coma o local social de Guiliade ou o das Minas”, aseguran.

Neste sentido, “todos queremos as mellores instalacións pero despois hai que mantelas adecuadamente, polo que hai que ser eficiente no gasto público”, aseguran desde o BNG. Recoñecendo os grandes méritos deportivos do Ría de Betanzos e o seu labor co deporte de base, cun edificio que non supuxese semellante investimento os custos de mantemento serían inferiores. O propio presidente, na xuntanza mantida co BNG, recoñecía que terían que ter a calefacción e o ascensor do edificio fóra de funcionamento ante a imposibilidade de afrontar semellante gasto.

“O PP, que provocou este dispendio para vender favores, non dá ningunha solución á situación que xenerou, aparte de dicir que asuma o gasto o propio Concello”“O PP, que provocou este dispendio para vender favores, non dá ningunha solución á situación que xenerou, aparte de dicir que asuma o gasto o propio Concello”, lamentan os nacionalistas. “O BNG apoiaría que o goberno local se fixese cargo dunha parte dos gastos a cambio dunha contraprestación pública, como por exemplo o uso publico do ximnasio ou da sala de reunións do edificio”, apuntan os nacionalistas. Isto sería unha maneira, explican, de sacarlle un maior partido ao investimento realizado á vez que os cartos que destine ao centro o Concello repercutan en mellores servizos para todos os veciños e veciñas.

Esta postura foi a que o BNG trasladou á representación da directiva do clube na xuntanza mantida recentemente. Desde o BNG insisten en que non é de recibo que se continúen incrementando as subvencións nominativas ás que non todas as entidades poden acceder. “Tanto neste caso coma no do campo de fútbol, entendemos que o que se fixo con cartos de todos debera ser para uso de todos”, aseguran desde o BNG.

“Estamos en contra, coa situación económica que estamos vivindo, de que se suban as taxas de escola infantil e se recurten servizos como sanidade ou educación para manter políticas clientelares”, conclúen. “Hai que ver en que se invisten os cartos públicos e en todo caso teñen que traducirse en mellores servizos para toda a veciñanza”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]