O BNG empraza ao PSOE a opoñerse realmente á privatización da escola infantil
Manuel Parga e Henrique del Río durante o acto
Betanzos, 16 de febreiro de 2012. O BNG celebrou hoxe unha charla informativa sobre a privatización da escola infantil do Pasatempo, construída pola Xunta en terreos municipais. O voceiro do BNG, Henrique del Río, exixiu ao goberno local do PSOE que aclare “canto vai custar aos veciños a privatización da escola infantil”.
Segundo os nacionalistas, o goberno do PSOE non está “facendo nada para cumprir o acordo plenario contra a privatización do centro”. O BNG insiste en que o goberno do PSOE ten que aclarar cal é a súa postura dado que “o que cala, outorga”. Aseguran que “non se pode aprobar unha moción no Pleno para logo non executala”.
“Como xa pasou no tema da gasolineira, é o BNG quen ten que saír a explicarlle as cousas aos veciños porque o goberno local nin está, nin se lle agarda”, censura Del Río.
Pola súa parte, Manuel Parga, voceiro de Benestar do BNG no Parlamento de Galiza, afirmou que o Goberno galego “minte” ao fixar nun 19% a subida das taxas das escolas infantís porque en realidade, co novo decreto establécese un incremento dun 45% ao pasar de 110 euros a 160 na atención educativa e de 33 a 70 euros (incremento do 112%) no servizo do comedor.
Asemade, o nacionalista cualificou de “mazazo” para as familias a nova medida do Goberno galego e acusou a Feijoo de “mentir” por ter afirmado que nunca “tocaría” os servizos públicos.


