Salvemos a praia de Gandario (alegacións do BNG)
O BNG COMPROMETESE NA DEFENSA DO PATRIMONIO AMBIENTAL E ESTRATEXICO PARA A ECONOMIA DE BERGONDO
Ao fio das declaracións da alcaldesa de Bergondo, que di non preferir ningunha opción para a ubicación da depuradora, e desliza a idea de que o atraso da EDAR débese ás alegacións da veciñanza e do BNG, Antón Sánchez declara: "fai falla ser fariseo para decir que o BNG está a retrasar a existencia dunha depuradora, cando todos sabemos que se non hai depuradora para Lubre e Ouces é debido a inoperancia da alcaldesa, quen tendo aprobado un proxecto hai cinco anos, non foi quen de iniciar o trámite da expropiación dos terreos necesarios para a mesma, deixando que a Xunta de Galiza lle rescindira o contrato por non cumprir os prazos, polo que agora haberá que comezar de novo o proceso, esta inacción si que foi castastrófica para Ouces e Lubre"
Lembremos que o proxecto inicial feito hai cinco anos ubicaba unha EDAR en Gandarío, mais cunhas melloras - conseguidas polas alegacións da veciñanza e do BNG- :
O argumento da alcadesa de que "o proxecto actual ten aval técnico" é para Antón Sánchez "unha perogrullada, todas as obras contan con aval técnico; con aval perpétranse todo tipo de aberraccións, diso temos probas suficientes en Bergondo: o nefasto funcionamento das depuradoras existentes no Polígono, Miodelo, a estación de Bombeo de Loureda dan conta disto, so fai falla falar ca veciñanza; todas elas, sra alcaldesa, sr concelleiro de obras, teñen, coma é preceptivo, un proxecto técnico".
Dende o BNG pensamos que Bergondo non debe diseminar máis depuradoras pola súa costa, e debe evitar calquera acción que dane os seus recursos ambentais e económicos para as xeracións futuras. Que un goberno pode equivocarse, mais nunca pode eludir as súas responsabilidades. Daí o noso lema: Salvemos a praia de Gandario.
ALEGACIÓNS DO BNG AO ANTEPROXECTO DE COLECTORES XERAIS DE SANEAMENTO E EDAR DE GANDARIO
PRIMEIRA.- No estudo das alternativas non se profundiza suficientemente nos parámetros socio-ambientáis que conducen á escolla , apoiándose para a elección unicamente en criterios económicos a curto prazo sen ter en conta criterios ambientais, sociais, paisaxísticos e sobre a actividade económica da praia de Gandarío no futuro.
SEGUNDA.- Non se ten en conta ou non aparece reflexado o efecto beneficioso da xestión única da EDAR de Fiobre, no caso de optar pola alternativa 3, coa súa ampliación e mellora, fronte á xestión de depuradoras diseminadas polo termo municipal.
TERCEIRA.- Solicitamos a escolla da alternativa 3, por ser a máis beneficiosa para Bergondo, xa que evitaríase a afectación doutro lugar na costa producida por unha instalación que sempre ten impactos sobre o entorno, e que é un ámbito estratéxico para o desenvolvemento económico do concello. Ademais melloraríamos a situación actual da praia do Regueiro porque se dotaría á EDAR de Fiobre dun emisario de 2,2 km o que evitaría verter directamente na praia coma sucede actualmente.
CUARTA.- Na escolla de alternativas non se ten en conta o custe de inversión e explotación da estación de bombeo de Cambade que debería estar incluído na alternativa 1 que falsea a realidade, e que resulta decisivo para a escolla da alternativa 1 por ser a máis barata. Sumando eses custes non sería a alternativa máis barata.
QUINTA.- Se algunha vantaxe tiña a alternativa 1 era a posibilidade de que os colectores chegaran por gravidade á depuradora, pero a colocación dun bombeo a 300 mts. da depuradora, para que os colectores transcorran por camiños públicos, impideo.
SEXTA.-Polo demais, resulta contraditorio que a ubicación dunha EDAR se localice nun ámbito de solo urbanizable, próximo a núcleos de poboación significativos e no entorno inmediato de parcelas dotacionais de equipamento (albergue) e da propia praia de Gandarío, cando o propio para a localización dunha EDAR é o solo non urbanizable.Tal como sinala a STS de 28/12/2005(rec. 7708/2002 ) no seu FD 3º :”como regra xeral- e coa posibilidade de excepcións- urbanísticamente, a ubicación natural das EDARs será o solo non urbanizable....ao tratarse dun tipo de instalación en beneficio da comunidade que pola súa propia natureza leva implícita a necesidade de afastamento das zonas estritamente urbanas”.
SÉPTIMA.- POLO IMPACTO AMBIENTAL DOS VERQUIDOS.
O BNG de Bergondo considera que é necesario e urxente a dotación dunhas infraestruturas de auga e saneamento das que carece o noso concello e cuxa deficiencia só pode ser atribuída á incapacidade dos sucesivos gobernos municipais.
Pero unha cousa é manifestar a necesidade social de tal demanda e outra ben distinta é o noso posicionamento coa localización concreta da EDAR proposta. A tal efecto o BNG de Bergondo, e independentemente do expresado nos apartados anteriores, manifesta a súa rotunda oposición a dita localización e polo seguinte:
1.- A localización da EDAR en Gandarío non resposta nin a razóns orográficas nin moito menos á necesidade de saneamento dos núcleos próximos. Non son as necesidades da veciñanza actual de Bergondo as que determinan a localización da EDAR, senón fundamentalmente as demandas dunha serie de urbanizacións previstas e proxectadas (algunha delas ben distantes de Gandarío)
2.-A localización da EDAR na parcela de Gandarío constitúe para o BNG un completo despropósito, tanto dende o punto de vista urbanístico coma medio-ambiental, cun máis que probable forte e negativo impacto sobre a praia de Gandarío, un dos eixos básicos do potencial turístico e residencial de Bergondo e sobre os núcleos de poboación máis próximos.
3.- O impacto visual que unha construción deste tipo, con seis metros de altura, pode ter cerca da praia tamén o consideramos negativo, polo que solicitamos, no caso de optar por esta alternativa, que se opte por unha instalación semienterrada que palíe ese efecto.
Por todo isto, SOLICÍTASE a estimación das presentes alegacións e, como consecuencia, a non aprobación do Anteproxecto sometido a información pública.