O BNG cre necesario un campo de futbol para Bergondo

Dende hai tempo vimos reclamando a necesidade de que o noso municipio teña un campo de fútbol, para o uso e desfrute de todo aquel que queira practicar este deporte.
A nosa concepción do deporte en xeral, como partido político,  é a dunha fonte de saúde,educación e convivencia para os veciños e especialmente para os novos.
A situación actual no concello é a seguinte:

- O campo municipal que existe é O Xuncal, que se atopa nunhas condicións lamentables, e que ademais xa conta cun proxecto da Demarcación de Costas para a súa eliminación e rexeneración do xuncal, que se atopa dentro dunha zona ambientalmente protexida(LIC).Os accesos son malos,o terreo non é ningunha maravilla e a auga das duchas cheira a maioría das veces. Aquí está a xogar o Sporting Bergondo que en ocasións tivo que xogar en Sada ou en Betanzos por estar o terreo impracticable, a última, este sábado pasado.
- O Lubre FC xoga no Campo de Fútbol do Convento, coas categorías de modestos,alevíns,benxamíns e prebenxamíns, gracias á cesión gratuita por parte da igrexa. Non se lle pode facer ningunha mellora sustancial por non ter permiso desta nen sequera para mellorar os accesos, que cando chove énchense de lama e onde xa ten quedado algún coche. De feito, algún equipo visitante xa manifestou que "preferían perder antes que meter ós nenos nun sitio así".
- O Goberno local gastou 5.600€ en poñer unhos postes no campo de Cortiñán que non se pode federar porque non da ás medidas.
- O Campo da Senra utilizase como aparcamento,aínda que no PXOM consta como equipamento deportivo.
- A parcela que hai no Polígono Industrial de Bergondo, está adicada a que aparquen os coches dunha empresa de aluguer (UN ESCÁNDALO!).

En resumen o noso é o concello con peores instalacións deportivas da comarca e posiblemente da provincia, e eso é unha realidade que sofren os xogadores do municipio, e que ven semanalmente os pais dos nenos.

Cando no pleno demandamos unha solución para esta situación a alcaldesa respondeu que non había usuarios suficientes en Bergondo,e que entón era un luxo construir un campo, e que era mellor que xogaran en Sada ou en Betanzos.

O BNG considera que para que haxa nenos e novos que practiquen deporte no concello hai que dotalos dunhas condicións cando menos similares aos concellos colindantes. Cando esto sucede aparecen os xogadores, como están a demostrar as xentes dos clubes que contra vento e marea se esforzan en que os mozos e nenos de Bergondo podan practicar deporte. A dotación destes espazos deportivos non persiguen unha rendabilidade económica senón unha rendabilidade social ,que sexamos máis sans,que os nenos teñan espazos de convivencia e incluso reforzar a nosa
identidade coma concello. Unha vez máis o goberno do PSOE mostra unha visión retrógada das cousas impedindo o desenvolvemento armónico do noso municipio. Dende o BNG recordamosle que os tempos mudaron e que a xente para vivir nun lugar non procura so catro paredes senon concellos onde haxa servizos de calidade para todos.
Reclamamos pois un Campo de Futbol para Bergondo XA!

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]