A Xunta non recolle nos seus orzamentos do 2012 a reparación da Ponte do Pedrido
Nos orzamentos presentados recentemente pola Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio de 2.012 non se consigna nin un só euro en ningunha partida para a reparación da Ponte do Pedrido. A pesar das promesas que se teñen manifestado nos medios de comunicación por parte do goberno municipal de Bergondo e da propia Xunta, no sentido de que 2.012 sería o ano da solución do grave problema e inminente risco que corren os veciños da zona por causa dos desprendementos de cascotes que se producen dende gran altura na citada ponte, a Xunta fai oídos xordos ante un auténtico e grave perigo para a seguridade das persoas.
Dende o BNG de Bergondo denunciamos esta terrible desidia, neglixencia e desprezo cara aos bergondeses por parte das autoridades competentes na materia e comprometémonos a presentar, a través do grupo do BNG do parlamento de Galicia, a correspondente emenda aos orzamentos para que se recolla unha partida de cartos específica e suficiente para a reparación da ponte o antes posible.