O BNG de Bergantiños presenta unha campaña contra a reforma laboral e os recortes nos servizos públicos

Responsábel Comarcal do BNG en Bergantiños, Xoán Manoel Sande, e a Responsábel de Acción Social, Lucía Domínguez

9-3-2012.  O Responsábel Comarcal do BNG en Bergantiños, Xoán Manoel Sande, e a Responsábel de Acción Social, Lucía Domínguez, presentaron esta tarde en rolda de prensa a campaña que a organización nacionalista desenvolverá durante este mes de marzo na comarca. Lucía Domínguez explicou que o BNG fará repartos nos sete concellos dun díptico editado para explicar as consecuencias nefastas desta reforma laboral sobre os traballadores e as traballadoras, ademais da súa inutilidade para crear emprego, pois o propio Rajoy recoñece que destruirase aínda máis emprego.

O BNG estará presente nas principais feiras dominicais, en Paiosaco e Carballo, e tamén os sábados en Ponteceso e Malpica, para informar á veciñanza deste novo ataque á clase traballadora por parte da dereita e dos recortes nos servizos públicos, e fará un acto público o día 21 de marzo no Pazo da Cultura de Carballo, ás 20:30 horas, que contará coa presenza do deputado no Parlamento Galego, Fernando Branco, e da Secretaria de Organización da CIG na Coruña, Dores Martínez. Tamén presentará o BNG unha moción en todos os concellos, demandando o posicionamento das distintas Corporacións en contra desta reforma laboral.

O Responsábel Comarcal, Xoán M. Sande, indicou que o BNG fará un esforzo durante todo este mes, estará nas rúas, feiras, mercados, centros de traballo, onde sexa necesario, para explicar aos veciños e veciñas de Bergantiños a inxustiza desta reforma laboral e dos recortes que a dereita está a aplicar nos servizos públicos, medidas totalmente inxustas e discriminatorias ademais de contraproducentes, pois só nos levan a unha maior recesión económica e a aumentar as xa alarmantes cifras de desemprego. De feito, a evidencia do fracaso das políticas de dereitas está en Galiza, onde os recortes nos servizos públicos e as políticas absolutamente neoliberais do goberno de Feijoo nos levaron a ter hoxe case 78.000 parados e paradas máis que cando o Partido Popular chegou ao goberno en 2009.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]