Guillerme chama en Carballo a concentrar o "voto galego e de esquerdas" no BNG para "non cometer o erro de ir aínda máis á dereita"

“Catalunya e Euscadi van incrementar a súa forza en Madrid e iso vainos colocar en mellor situación para saír da crise. Galiza debe tomar nota e actuar en consecuencia”

Carballo, 10 Novembro 11. Achégase o momento de decidir. Ou o continuismo dos recortes ou o cambio de rumbo. Ou continuar pola vía do axuste duro do gasto público -coas inevitábeis secuelas de máis paro e máis crise- ou mudar a orientación das políticas públicas para pór o acento na criación de emprego e na reactivación da economía. Ou PP ou BNG. Ou ir aínda máis á dereita ou concentrar o voto “galego e de esquerdas” no Bloque Nacionalista Galego.

"Sería suicida continuar pola vía dos recortes!Esas foron as disxuntivas que formulou este serán o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, no mítin que a formación nacionalista realizou en Carballo.

“Penso que a experiencia destes 2 anos e medio de crise nos demostra sobexamente que sería suicida continuar pola vía dos recortes. Os recortes -a restrición do investimento público- non só son antisociais, senón que son antieconómicos. Non só prexudican aos máis febles, senón que tamén deprimen a economía e o consumo e, portanto, retardan a saída da crise”, diagnosticou. Imponse, portanto, o cambio de guión: “Hai que voltar a pór o acento na economía produtiva. Hai que voltar a pór o acento no gasto público. Se os particulares e as empresas privadas non gastan, como imos reactivar o consumo se tamén obrigamos ao sector público a non gastar?”, perguntouse.

Salientou o líder nacionalista que o recurso ao investimento público foi “vital” a economía mundial superar a Grande Depresión de 1929. “Ante o colapso do sector privado, esganado pola falta de crédito, é preciso que a política prevaleza sobre a economía”, dixo. A crise ten como orixe precisamente unha ideoloxía, a neoliberal, que coloca a economía fóra do control da política, da intervención dos poderes democráticos. “Todo comezou con Reagan, outro R, por certo”, dixo o portavoz nacional en ton de brincadeira.

Protagonismo do sector público, reforma fiscal integral, redución dos gastos burocráticos, impulso aos servizos sociais, vitais non só para protexer aos máis castigados pola crise, senón tamén para impulsar a economía e criar emprego. “Estas son algunhas das propostas alternativas do BNG. Niso estamos a centrar a campaña, en divulgar propostas que dan corpo á nosa alternativa”, aduciu.

Jorquera subliñou que o BNG "propuxo sempre máis investimento público fronte aos que queren desmantelar os servizos públicos"Investimento produtivo e aforro no superfluo. “A eficiencia non está en reducir por reducir. A eficiencia está en gastar no necesario e en aforrar no superfluo. E postos a aforrar, desde o BNG propomos aforrar na asignación do Estado á Casa Real. Hai algúns que desde logo si están a vivir por enriba das súas posibilidades. O señor Urdangairin é claramente un deles”, afirmou.

Non é desde logo o momento nin de resignarse nin de ficar pasivo frente ao previsíbel avanzo da dereita centralista no Estado. “Galiza ten que gañar peso na política estatal e iso só pode vir da man do Bloque Nacionalista Galego. Catalunya e Euskadi presumibelmente van incrementar a súa forza e iso vainos colocar nunha mellor situación para saír da crise. Galiza ten que tomar nota e actuar en consecuencia”, enfatizou.

FRANCISCO JORQUERA

Por súa parte, o número 1 do BNG ao Congreso por A Coruña, Francisco Jorquera, centrou a súa intervención nas medidas do BNG para superar o duro contexto de crise económica partindo de que as actuais políticas de recortes “en nada benefician á recuperación económica, ao contrario só conseguen agravala e que non vexamos unha saída á crise”.

Subliñou que o BNG “propuxo sempre, e non só agora e porque estamos en campaña, máis investimento público fronte aos que queren desmantelar os servizos públicos básicos e converter a sanidade, a educación e os servizos sociais en ámbitos de negocio para o sector privado”. Puxo de manifesto que a banca privada recibiu máis de 120.000 millóns de axudas públicos “e despois nos queren convencer de que non hai recursos!”.

Explicou que o BNG ten alternativas como aforrar en gastos superfluos e referiuse ao gasto militar, á eliminación das deputacións e á necesaria redución da estrutura administrativa estatal que decorrería da supresión de ministerios que, como o de vivenda ou sanidade, invaden competencias exclusivas das comunidades autónomas. Sen esquecer que para sufragar o que propomos se precisa unha reforma fiscal máis equitativa para “que paguen máis os que máis teñen” e se persiga a fraude fiscal, “das máis altas de Europa”. Salientou a necesidade de converter o ICO nunha banca pública que dea crédito aos autónomos e empresarios, así como a necesidade de contar cunha banca pública galega para evitar “o espolio do noso aforro”.

Resumiu o labor do BNG en defensa dos sectores produtivos de Galiza: o naval, o lácteo, a conserva, a pesca e o agro-gandeiro. “Galiza ten voz através do BNG porque cantos asuntos afectaron a Galiza foron tratados no Congreso por medio do BNG”.

Fronte as propostas programáticas do BNG, criticou a Rajoy “porque quer chegar a Presidente do Goberno sen mollarse e sen descubrir o seu programa de dereita extrema”.

 

O BNG convidou aos Bergantiñáns a votar en clave galega, pensado que a opción do BNG é a do voto útil para Galicia.

O Alcalde de Carballo e candidato ao Congreso, Evencio Ferrero, puxo como exemplo do compromiso co pais e coas terras da Costa da Morte os 3,8 millóns de euros que o Estado inviste en Carballo: Mercado municipal, Biblioteca comarcal e mellora de accesibilidade no contorno do mercado municipal. Nunca na historia da democracia carballesa figuraron orzamentos directos para un Concello da Costa da Morte como aconteceu nesta lexislatura grazas ao traballo dos deputados e senador do BNG nas Cortes Xerais.

Na mesma liña que o Alcalde, Xulia Mira lembrou que grazas a Francisco Jorquera expúxose no Congreso dos Deputados o problema do Porto de Laxe. Por outra parte, Carolina Castiñeiras subliñou que o bipartidismo empobrece a democracia e as políticas que levan a cabo PSOE e PP van en contra da igualdade entre homes e mulleres e aumentan a precariedade laboral.

 

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]