O BNG da Laracha abre a precampaña cun acto sobre os recortes no ensino

A precampaña para as vindeiras eleccións xerais iniciase na Laracha cun acto público acerca dos recortes orzamentarios que o Partido Popular ven efectuando desde que goberna na Xunta de Galiza, especialmente no que son os servizos sociais básicos, e especialmente no ensino público.

No acto interviron o noso portavoz municipal, Xoán M. Sande, a deputada Carme Adán e Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo e candidato ao Congreso polo BNG.

O Noso Portavoz debullou polo miúdo os efectos que están a ter para as larachesas e laracheses os recortes do PP no ensino. Desde que goberna Feijoo houbo problemas no IES "Agra de Leborís" coa reducción de catro a tres aulas no pasado curso e na Galescola (cun edificio cheo de deficiencias).

Tamén no colexio "Otero Pedrayo" a negativa da Xunta a aumentar os fondos para o comedor, deixou a alunas e alunos sen ese servizo esencial, segundo veñen denunciando as nais e pais. Ademáis nos novos orzamentos da Xunta non se destinan partidas para o cubrimento das pistas deportivas (un incumplimento flagrante das promesas electorais do PP da Laracha  e de Feijoo) ou para a construción dun novo edificio de aulas para os máis cativos.

Carme Adán denunciou na súa intervención a falsa "austeridade" do PP, pois mentras no ensino, na sanidade e nos sevizos sociais públicos se recortan orzamentos, a débeda da Xunta se incrementou de 3000 a 6000 millóns de Euros a base de financiar aos colexios privados (mesmo a aqueles máis reaccionarios que segregan aos nenos das nenas) ou de construir hospitais publicos que enriquecerán a promotores durante 20 anos a costa de todas as galegas e galegos. Tamén se privatizan as residencias de maiores postas en marcha polo BNG desde o anterior goberno da Xunta.

Exemplificou tamén como na área da Coruña, onde menos plazas de ensino público existen, non se inviste un só Euro en infraestruturas, non só para novos colexios senón para arranxar os xa existentes; mentras os colexios privados da mesma área se levaron os programas pedagóxicos máis punteiros (e que pagamos entre todas e todos). O PP pretende con isto desprestixiar o ensino público facendo deste unha "segunda división" para quen non se poida pagar algo mellor (algo mellor pagado por fondos públicos).

Desde o Congreso, o BNG ten parado o intento de PP e PSOE de impoñer a falsa "libre elección de centro" que non é senón o intento dos sectores máis reaccionarios para denegar o acceso aos colexios concertados (privados financiados cos nosos impostos) de nenas e nenos dos colectivos máis desfavorecidos que residen perto deles.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que forma parte da candidatura do BNG ao Congreso nas vindeiras eleccións Xerais, expuxo que outra política é posible. Mentras o estado gasta miles de millóns de Euros en salvar a Banca esta segue a gañar millóns e millóns, e mentras o PP e o PSOE cambian a Constitución para que a débeda pública teña que ser pagada antes que as nóminas dos funcionarios ou as obrigas declaradas por sentenza xudicial, o BNG pon ás persoas por diante.

O exemplo ponse co investimento por parte do Concello de Carballo de 600000 euros do PlanE en educación, mentras a Xunta gastou o ano pasado só 900000 en toda a Costa da Morte (o concello da Laracha preferiu gastar os fondo en pistas de pádel, en lugar de cubrir as pistas do colexio da Laracha).

Ferrero calificou os recortes de entre o 40% e o 70% dos orzamentos da Xunta nos distintos tramos do ensino público, ou a taxa de reposición do profesorado prevista para o 2012 (de cada 10 baixas médicas só será haberá sustitución para 1) como unha maneira de "ir podando a viña desde que nace" para que os colectivos máis desfavorecidos non accedan aos mellores estándares de calidade no ensino, estigmatizando o público frente ao privado.

Evencio fixo un chamamento á participación activa no proxecto nacionalista como a única maneira de porlle freno ás políticas máis agresivamente reaccionarias que vimos padecendo desde fai moitos anos.

  Información da páxina web do BNG da Laracha.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]