Bergantiños acollerá as XXIII Xornadas de Verán de Galiza Nova
21 de setembro de 2011. A comarca de Bergantiños acollerá por segunda vez (xa o fixo no 2005) as Xornadas de Verán de Galiza Nova. Este evento, que se repite ininterrompidamente dende a fundación das mocidades do BNG no ano 1988 (chega xa á súa edición número XXIII), traerá aos concellos da nosa bisbarra a mocidade de todo o país.
As xornadas discorrerán polos sete concellos da comarca, combinando aspectos formativos e políticos con outros máis lúdicos e de convivencia. Ademais, a mocidade participante terá a ocasión de coñecer recantos moi interesantes da bisbarra.
Até mañá xoves pode apuntarse aínda quen queira participar (tanto da comarca como de fóra) enviando un correo electrónico a nacional@galizanova.org. O custe da inscrición son 20 euros, que dan dereito a comidas, durmida e transporte aos diferentes lugares das actividades.
As XXIII Xornadas de Verán incluirán actividades arredor de diversas figuras da nosa comarca e do noso país (Castelao, Alfredo Brañas, Eduardo Pondal, os/as represeliados/as galegos/as do 36), mostrarán a quen nos visita moitos e interesantes espazos da comarca (Lagoa de Traba, Soesto, oleiría de Buño, Verdes, praia do Pendón) e incluirán tamén espazo para o ocio e o esparcemento.
Galiza Nova de Bergantiños e o BNG convidan a quen aínda non o fixera a animarse a participar nesta fin de semana de convivencia, formación e lecer.
PROGRAMA DAS XXIII XORNADAS DE VERÁN DE GALIZA NOVA – BERGANTIÑOS 2011
Venres, 23 de setembro
17.30 Saída de buses dende Compostela
18.30 Benvida no Concello de Carballo. Evencio Ferrero (alcalde de Carballo); Silvana Castro (concelleira de Mocidade); Vítor Recarei (responsábel comarcal do BNG); Pablo Vázquez (responsábel comarcal de Galiza Nova)
19.30 Roteiro explicativo sobre Alfredo Brañas (Xan Fraga, historiador)
20.30 Acto público sobre a reforma da Constitución Española. Evencio Ferrero (alcalde de Carballo); Iria Aboi (secretaria xeral de Galiza Nova); Guillerme Vázquez (portavoz nacional do BNG)
22.00 Cea
23.00 Saída nocturna por Carballo. Festa na Taberna Café O Patacón
Sábado, 24 de setembro
09.30 Almorzo
10.30 Roteiro pondaliano en Ponteceso (dende Ponteceso a Valarés pasando pola casa natal do autor, o Monte Branco…)
12.30 Acto sobre Castelao con Xoán Carlos Garrido (Casa dos Veciños do Couto)
14.30 Xantar ao aire libre na carballeira e a praia de Valarés
16.00 Esparcemento e actividade deportiva na Praia do Pendón (Cabana de Bergantiños)
18.30 Visita ao espazo natural da lagoa de Traba. Explicación do enclave natural e da historia do Conde de Traba
20.00 Cea na área recreativa anexa á praia de Soesto (Laxe)
22.30 Saída nocturna pola Laracha. Festa no Pub D’Antón. Concerto do grupo Trapallada
Domingo 25 de setembro
10.00 Almorzo
11.00 Visita á vila oleira de Buño (Museo do Forno do Forte e talleres tradicionais de oleiría)
13.00 Acto sobre os/as represaliados/as galegos/as de 1936 e a simboloxía franquista na Laracha
14.30 Xantar no espazo natural de Verdes (Coristanco)
16.00 Saída dos buses cara Compostela