O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, explicará en Carballo o rexeitamento do BNG á reforma exprés da Constitución Española

20/09/2011. O BNG de Bergantiños organiza para este venres, 23 de setembro, un acto público para expoñer a súa opinión diante da reforma exprés da Constitución Española pactada por PP e PSOE de costas á cidadanía. O acto será a partir das 20.30 horas no Pazo da Cultura de Carballo.

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, será a persoa encargada de trasladar o posicionamento do BNG, así como de abordar o escenario que se abre ante as eleccións xerais do próximo 20 de novembro para o noso país.

Guillerme Vázquez será precedido no uso da palabra pola secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi (que ademais encabeza a candidatura ao Senado pola provincia de Pontevedra) e por Evencio Ferrero, alcalde de Carballo (que figura na candidatura do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña).

O portavoz do BNG vén explicando nos últimos días a diferente visión do nacionalismo, e en concreto apostando pola “intervención pública na economía” como alternativa “ás políticas fracasadas do bipartidismo”. (Máis información na web nacional do BNG, www.bng-galiza.org).

Este acto enmárcase dentro dunha campaña de difusión da posición do BNG diante da reforma da Constitución Española que durante esta semana se trasladará ás rúas da comarca co reparto de dípticos informativos e convites para o acto do venres.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]