O BNG da Laracha presenta unha iniciativa para mellorar o financiamento dos concellos

O Grupo Municipal do BNG da Laracha presentou unha iniciativa mediante a que demanda, por unha banda o aprazamento da devolución da débeda que todos os concellos, deputacións e comunidades autónomas teñen co Estado, e por outra banda que se aprobe un novo sistema de financiamento local, máis xusto cos concellos galegos, que teña en conta criterios como o avellentamento e a dispersión da poboación, e que garanta financiamento suficiente para o mantemento dos servizos básicos.

Este é o texto íntegro da iniciativa presentada polo Portavoz do Grupo Municipal do BNG:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O actual sistema de financiamento das entidades locais foi impulsado e aprobado polo PP e mantido polos gobernos do PSOE, o que nos aboca hoxe non só á minoración dun importante montante dos ingresos dos concellos senón a devolución das liquidacións negativas da participación nos ingresos do Estado (PIE), pondo en perigo o mantemento dos servizos públicos locais e á quebra económica e existencia dalgúns concellos.

Os efectos da crise, sumados aá insuficiencia financeira crónica dos concellos, constitúe unha mistura explosiva que está a provocar dificultades para atender os servizos públicos. Pero ese modelo de financiamento local, que subordina aos concellos a unha existencia de sobresaltos e angustia económica, afecta tamén á participación da Xunta de Galiza na distribución dos recursos e emprega criterios discriminatorios co noso país ao non ter en conta factores como a dispersión dos núcleos de poboación e o avellentamento, factores estruturais que impiden un axeitado modelo de financiamento ás administracións públicas locais.

Non existen medidas reais para superar esta grave situación, simplemente esixen a devolución das liquidacións negativas da PIE de xeito mecánico e administrativo, levando a cabo medidas económicas que prexudican aos concellos e á sociedade en xeral, familias, traballadores e traballadoras. E desta situación son responsábeis tanto o PSOE coma o PP que presiden gobernos con competencias e recursos para que a situación económica tome un rumbo diferente, outorgándolle un papel distinto ás administracións e garantindo o seu funcionamento normal. Xa que logo, debe estabelecerse de xeito urxente un aprazamento na devolución da PIE, condicionando a devolución en todo caso a que non se poña en risco a suficiencia financeira dos concellos para atender servizos públicos básicos, e tamén unha revisión a fondo do sistema de financiamento local.

Os concellos galegos, que representan aproximadamente o 6,5 % da poboación do estado español, receben un 5,27% da participación nos ingresos do Estado. Mentres os concellos de Galiza receben 176,54 euros por habitante, a media no conxunto do Estado recebe 221,07 euros.

Así, queda patente que o financiamento dos concellos desde o Estado é insuficiente e inxusto: só ten en conta a poboación (75%) e o esforzo fiscal (25%) e non ten en conta que os custos dos servizos en Galiza son máis altos que no resto do Estado pola dispersión e o avellentamento da poboación. Neste sentido cómpre recordar que Galiza conta coa metade dos núcleos de poboación do Estado: 36.000; e que a dispersión encarece os custos da prestación dos servizos.

É necesario reformar o financiamento local e incrementar a contía da participación nos ingresos do Estado. Así, débese integrar plenamente a transferencia da participación nos ingresos do Estado nos orzamentos da Xunta de Galiza, e esta transferencia deberá ter en conta o maior custo dos servizos en Galiza.

Por todo isto, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO:

Instar á Xunta de Galiza a:

1. Que demande do Goberno do Estado a elaboración un Plan que garanta o gasto corrente aos concellos e a acordar unha moratoria no pagamento das liquidacións negativas das cantidades recibidas da Participación de Ingresos do Estado (PIE).

2. A que, así mesmo, demande do Goberno do Estado a reforma urxente do financiamento local, de maneira que o novo modelo incremente a contía da PIE, e dita participación dos concellos galegos se integre plenamente nos orzamentos da Xunta de Galiza. Así mesmo, demandarase que o novo modelo teña en conta o maior custo dos servizos en Galiza, derivado da dispersión dos núcleos e do envellecemento da poboación.

3. Dar conta deste acordo ao Goberno da Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.

 Información da páxina web do BNG da Laracha.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]