O BNG da Laracha presenta unha iniciativa na que demanda que se limiten as comisións bancarias para evitar "cobros abusivos"

Grupo Municipal do BNG da Laracha

O Grupo Municipal do BNG da Laracha presentou unha iniciativa, para ser debatida na próxima sesión plenaria, mediante a que demanda a adopción de medidas -tanto por parte do goberno central como da Xunta de Galiza- para que se limiten as comisións bancarias de xeito que se eviten os cobros abusivos que se están a producir na actualidade, fundamentalmente nas Caixas de Aforro, nas que os dous gobernos teñen competencias ao respecto que deben exercer.

Nun primeiro termo, o BNG solicita ao goberno galego que, á súa vez, inste ao do Estado a impedir que “nesta situación de crise se produzan aumentos nas comisións que cobran as entidades financeiras”.

Por outra banda, para o BNG, segundo figura na moción, é necesario realizar “unha supervisión das comisións bancarias estabelecendo límites máximos en función de parámetros obxectivos que teñan en conta o custe real dos servizos prestados”.

Tamén sería necesario obrigar nesta situación ás entidades bancarias a que “ofrezan de forma transparente as comisións que cobran polos distintos servizos prestados”.

Finalmente, sería necesario aprobar de forma inmediata as normas legais precisas para “evitar que por parte das entidades financeiras se manteña o cobro abusivo en concepto de mantemento ou administración de contas correntes ou de aforro e obrigar á devolución das cantidades ingresadas en canto de persistir esta práctica”.

Tal e como se lembra na exposición de motivos desta moción, nesta época de crise económica, as comisións bancarias experimentaron unha forte subida, ao mesmo tempo que as entidades bancarias seguen acumulando beneficios que só no primeiro trimestre deste ano ascenderon a 3.174 millóns de euros.

“A aplicación de cláusulas abusivas e inxustas por parte das entidades financeiras non pode ser consentida de forma indefinida”, subliña o BNG, xa que “a afectación e as consecuencias negativas que poden sufrir millóns de persoas confire un interese público e social a estes feitos e obriga ás autoridades competentes (Xunta e Estado) a adoptar medidas urxentes”.

 Información da páxina web do BNG da Laracha.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]