Xosé Regueira representará a Bergantiños e ao BNG na Deputación Provincial da Coruña
Xosé Regueira.
Unha ampla traxectoria
Xosé Regueira ten unha ampla traxectoria política que o avala. Asumiu, ao longo da súa vida política, as máis diversas responsabilidades orgánicas e tamén de xestión institucional, e demostrou capacidade para afrontar este novo reto.
Responsábel local do BNG da súa Laracha natal nos últimos anos da década de 1990, foi logo, durante oito anos (2001/2009) o responsábel comarcal do BNG de Bergantiños e membro do Consello Nacional do BNG.
Na actualidade, Xosé Regueira é vicerresponsábel local do BNG de Carballo (onde reside dende hai xa varios anos) e tamén responsábel de organización do BNG de Bergantiños.
Xosé Regueira formou parte tamén durante os oito últimos anos do goberno da Deputación da Coruña, como asesor do grupo provincial do BNG.
Un mandato cheo de retos
Ademais das diferentes responsabilidades orgánicas, o 2011 chega para Xosé Regueira cun novo reto de goberno.
Formou parte da candidatura coa que o BNG de Carballo gañou as eleccións do pasado 22 de maio, figurando no número 5, e despois da delegación de competencias efectuada hoxe polo alcalde de Carballo, Xosé Regueira asumirá no goberno carballés a xestión das áreas de Persoal, Protección Civil, Policía Local e Normalización Lingüística.
Ademais, neste mandato que comeza, Xosé Regueira será o Portavoz Municipal do BNG de Carballo no salón de plenos.
Belén Lendoiro, Xoán Sande e Manuel Varela completan a terna
A proposta para a elección de deputado/a provincial leva, por imperativo legal, propostas de suplencias para cubrir posíbeis baixas.
Ademais de Xosé Regueira, a proposta do BNG estará formada por Belén Lendoiro (concelleira en Carballo dende o 2003), Xoán Sande (quen xa foi Deputado Provincial durante este último mandato) e Manuel Varela (portavoz municipal do BNG de Ponteceso).