O BNG marca a súa liña en Laxe

27/062011.  O BNG de Laxe mantivo nestas pasadas xornadas unha nova reunión co alcalde da localidade, dentro das negociacións para facilitar a gobernabilidade do Concello. A abstención do BNG no pleno de investidura permitiu a reelección do alcalde, pero o BNG non asinou ningún pacto de goberno e quere deixar claras as súas demandas para o novo período político que se abriu tras as eleccións do mes de maio.

As reclamacións do BNG para o próximo pleno, o de organización, buscan garantir un goberno máis transparente e participativo. Así, o BNG demanda, por exemplo, que os plenos teñan lugar os sábados pola mañá (para que poida asistir facilmente toda a veciñanza), e que se creen novas figuras de control e debate, como a Comisión Informativa de Facenda e a Xunta de Portavoces.

O posicionamento do BNG de Laxe e do seu portavoz, Xosé Manuel Pose, para este importante pleno, é o de aprobar para o grupo de goberno dúas dedicacións exclusivas, sempre e cando se cumpran os seguintes criterios mínimos:

· O grupo de goberno presente ao BNG de Laxe un documento no que se especificaren as cantidades dos salarios, tanto líquidas como brutas, coas que serán retribuídas tales dedicacións.

· O grupo de goberno pacte co BNG de Laxe os orzamentos, o POS, o POL ou calquera outro convenio de obras que houber, informándoo coa antelación precisa.

· Se aceptaren por parte do grupo de goberno as seguintes indicacións de cara ao Pleno de organización, en prol da transparencia:

1. Día e periodicidade das sesións plenarias: os sábados, ás 12:00h, unha vez ao mes, agás o mes de agosto.

2. Contestarase as preguntas realizadas polos grupos políticos no seguinte pleno ordinario, limitando o número de preguntas por pleno.

3. Creación da Xunta de portavoces, na que estarán representados todos os grupos políticos con representación no pleno. Reunirase na semana do pleno ou cando o estime oportuno algún dos portavoces.

4. Comisión especial de contas. A representación nela será proporcional ao nº de concelleiras/os de cada grupo (3 PSG-PSOE, 2 PP, 1 IXL e 1 BNG). Reunirase unha vez ao mes.

5. Mesa de contratación con representación de todos os grupos políticos.

6. Garantir as atribucións que lle corresponden por Lei ao Pleno e non delegar ningunha delas na Xunta de Goberno.

7. Acordar as retribucións complementarias dos funcionarios para esta Lexislatura.

8. Poder achegar criterios própios na baremación das seleccións de persoal.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]