O BNG sae con forzas renovadas das eleccións municipais

16 de abril de 2011 .  O BNG de Bergantiños fixo onte, na reunión do seu Consello Comarcal, unha valoración pormenorizada dos resultados electorais, tanto concello a concello como no conxunto da comarca e do país.

Aínda que é certo que no conxunto da comarca hai unha pequena perda de votos (o BNG baixa do 25.16% de votos hai catro anos ao 24.75%), cómpre lembrar que este é o segundo mellor resultado, en números absolutos, do BNG de Bergantiños en toda a súa historia, máis meritorio se cabe polo feito de producirse nun contexto político moito máis adverso que o das anteriores eleccións municipais.

A pesar da leve perda de votos, o BNG valora moi positivamente a consecución de tres dos obxectivos centrais da campaña electoral na comarca:

O reforzo da alcaldía de Carballo, localidade na que o BNG obtivo o mellor resultado da súa historia, afianzándose como referencia clara do voto urbano (onde obtivo máis do 50% dos sufraxios).

A obtención de representación, por primeira vez na historia do BNG, no Concello de Laxe, onde ademais o nacionalismo será decisivo na conformación do próximo goberno municipal.

A obtención, por segunda ocasión consecutiva, dun dos deputados provinciais que corresponden á comarca de Bergantiños.

Así as cousas, e recoñecendo un pequeno paso atrás nalgúns concellos, o BNG considera que respondeu cunha campaña á altura da sociedade e que competiu ao máximo nivel nestas eleccións municipais, das que sae reforzado.

O traballo previo, a confección das candidaturas máis numerosas que nunca se presentaran e o bo desenvolvemento da campaña, cun resultado que non está á altura do agardado mais que é unha base moi boa (un de cada catro votos emitidos na comarca foron para o BNG) fan que o nacionalismo bergantiñán saia fortalecido deste proceso de eleccións municipais.

Quedan agora meses de traballo para afianzar e organizar a toda a xente sumada a esta campaña electoral, e para seguir a facer do BNG un referente na sociedade da comarca.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]