O BNG de Carballo celebra hoxe o seu mitin central, un acto que terá lugar no Pazo da Cultura a partir das nove da noite coa presenza de Francisco Jorquera
19/05/2011. O BNG prosegue a súa exitosa campaña electoral, que vive un in-crescendo tanto de actividade como de persoas nos distintos actos a medida que pasan os días. A sucesión de mitins nas parroquias do rural chegou onte á parroquia de Sofán, onde o BNG viviu o mítin máis multitudinario da súa historia nunha parroquia do rural, con 200 persoas que desbordaron as posibilidades do Local Social de Sofán.
As intervencións de Belén Lendoiro (concelleira de Cultura), Inés Rodríguez (número 12 da candidatura e veciña de Sofán), Luis Lamas (concelleiro de Obras e natural de Sofán) e Evencio Ferrero foron seguidas por un público que ateigou a sala pero tamén os pasillos e o espazo en principio non hábil detrás dos oradores/as. (Acompáñanse fotos).
O éxito dos últimos mitins fai partir ao BNG coa máxima ilusión cara o mitin central, que hoxe terá lugar no Pazo da Cultura, a partir das 21 horas, coas intervencións de Belén Lendoiro (4), Milagres Lantes (2), Francisco Jorquera (portavoz do BNG no Congreso) e Evencio Ferrero (candidato á reelección como alcalde). O BNG aspira a que tamén o Pazo da Cultura se encha até a bandeira, como onte aconteceu en Sofán.
A campaña electoral rematará o venres en Carballo con dous actos: ás 5 da tarde, un café de redacción cos medios (na Cafetería Valle Inclán) para responder a todas as preguntas da prensa e tamén para facer balanzo do que foi esta campaña electoral; e o mitin de peche de campaña, que será na parroquia de Cances (no seu Local Social) a partir das 9 da noite.
As enquisas manexadas e a asistencia aos seus actos fan que o BNG parta con todas as aspiracións nestes últimos días e que estea a traballar con ánimos renovados para conseguir un resultado histórico para o nacionalismo en Carballo. Quedan só dous días de campaña, e o BNG vai traballar até o último minuto para trasladar a súa mensaxe á cidadanía.