O BNG de Bergantiños presenta unha campaña contra a reforma laboral e os recortes nos servizos públicos
Responsábel Comarcal do BNG en Bergantiños, Xoán Manoel Sande, e a Responsábel de Acción Social, Lucía Domínguez
O BNG estará presente nas principais feiras dominicais, en Paiosaco e Carballo, e tamén os sábados en Ponteceso e Malpica, para informar á veciñanza deste novo ataque á clase traballadora por parte da dereita e dos recortes nos servizos públicos, e fará un acto público o día 21 de marzo no Pazo da Cultura de Carballo, ás 20:30 horas, que contará coa presenza do deputado no Parlamento Galego, Fernando Branco, e da Secretaria de Organización da CIG na Coruña, Dores Martínez. Tamén presentará o BNG unha moción en todos os concellos, demandando o posicionamento das distintas Corporacións en contra desta reforma laboral.
O Responsábel Comarcal, Xoán M. Sande, indicou que o BNG fará un esforzo durante todo este mes, estará nas rúas, feiras, mercados, centros de traballo, onde sexa necesario, para explicar aos veciños e veciñas de Bergantiños a inxustiza desta reforma laboral e dos recortes que a dereita está a aplicar nos servizos públicos, medidas totalmente inxustas e discriminatorias ademais de contraproducentes, pois só nos levan a unha maior recesión económica e a aumentar as xa alarmantes cifras de desemprego. De feito, a evidencia do fracaso das políticas de dereitas está en Galiza, onde os recortes nos servizos públicos e as políticas absolutamente neoliberais do goberno de Feijoo nos levaron a ter hoxe case 78.000 parados e paradas máis que cando o Partido Popular chegou ao goberno en 2009.