O BNG de Bergantiños presentou as iniciativas de cara ao 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres
O Responsábel Comarcal do BNG, Xoán M. Sande, e a Vicerresponsábel Comarcal, Mónica Castro, presentaron en rolda de prensa as iniciativas que o BNG levará a cabo en Bergantiños de cara ao 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.
O BNG presentará unha moción en todos os concellos da comarca, demandando medidas para defender os dereitos das mulleres, nunha situación de crise que se agudiza precisamente no caso das mulleres que teñen que padecer unha maior taxa de desemprego, e moita máis precarización no caso das que teñen traballo.
Tamén demanda o BNG de Bergantiños a través desta iniciativa, que todos os Plenos das Corporacións da comarca se posicionen en favor do mantemento da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, que garante para elas a libre decisión sobre a súa maternidade, diante da intención do goberno central do PP de derrogala.
8 de marzo, Día Internacional das MulleresNeste 8 de Marzo de 2012, o BNG quere facer especial incidencia no retroceso democrático que supoñerá a anunciada derrogación da norma que actualmente regula a interrupción voluntaria do embarazo. Unha demanda de décadas das mulleres que se cumpriu hai escasos meses e que o Partido Popular anuncia que desmantelará como tantas outras políticas públicas de igualdade.
Finalmente, o Responsábel e a Vicerresponsábel Comarcal do BNG manifestaron o apoio da organización nacionalista á manifestación convocada por diversas organizacións feministas para o 11 de marzo en Compostela, e fixeron un chamamento aos veciños e ás veciñas de Bergantiños a apoiar esta mobilización e defender deste xeito os dereitos das mulleres.