25 de novembro, Día da non violencia contra as Mulleres

Dende o BNG E Galiza Nova de Bergantiños e queremos manifestar o noso rexeitamento, neste e calquera día do ano, ao terrorismo machista como é a violencia de xénero, que acaba con máis de 70 mulleres ao ano en todo o Estado Español .

Avogada, enxeñeira, froiteira, coidadora … a violencia de xénero non entende de profesións . A nosa amiga, a nosa filla, unha veciña…calquera das mulleres que coñecemos pode estar a sufrir malos tratos neste momentos, tamén nós mesmas. Se nos paramos a pensar no noso entorno de seguro coñecemos a algunha muller que foi ou é vítima da violencia machista, vítima de desigualdades continúas por unha cuestión social e culturalmente establecida para mulleres diferente que para os homes.

Non podemos pechar os ollos e ocultar como tódolos días saen novas nos medios de comunicación (grandes responsables do mantemento e transmisión de estereotipos e roles de xénero)sobre situacións de violencia de xénero, violencia de homes cara as súas parellas ou exparellas, mulleres.

No último barómetro do CIS a Violencia contra a muller tán só lle parece o principal problema do estado ao 1,7 % das persoas entrevistadas. Reflexionemos e pensemos se o feito de que 50% da sociedade estea en desigualdade co outro 50% é xusto, se todas as persoas estamos sensibilizadas, concienciadas e actuamos para mudar esta situación e previla.

Abonda coas políticas públicas que se fan neste eido?Non, non é suficiente, as leis non se poden quedar no papel, temos que dotar de recursos e servizos a tantas mulleres que o precisan, temos que investir na prevención tanto na educación formal como informal. Pero, para erradicar esta lacra social ten que haber implicación e compromiso por parte dos poderes públicos e por parte de todos os axentes sociais para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres. Todo o contrario ao realizado polo goberno de Feijoo, cando chegou ao goberno da Xunta, que o primeiro que fixo foi erradicar servizos como as Oficinas de Igualdade e benestar que favorecían a coeducación na escola e que aportaban asesoramento específico en materia de igualdade aos diferentes servizos sociais, educativos e culturais.

A violencia de xénero é terrorismo, mata mulleres, por iso, polo feito de ser mulleres e de exercer poder e posesión sobre elas por parte dos homes. Así como hai determinadas enfermidades que é preciso investigalas para acadar a súa erradicación, para rematar coa violencia de xénero é preciso desbotar o pensamento patriarcal no que toda a sociedade está a ser educada. Como? Empezando por mudar o noso propio pensamento e a nosa educación adquirida baseada na desigualdade entre mulleres e homes. Todas as persoas somos iguais, todas as persoas temos os mesmos dereitos, incluído o dereito á vida, independente do sexo co que nacemos.

 Declaración do BNG no 25 de Novembro, Día da Non Violencia contra as Mulleres

 

 

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]