O BNG chama á cidadanía a defender os seus dereitos e opoñerse á reforma das pensións

Reparto de información na feira de Paiosaco

21/01/2011. Quedan xa poucos días para que o vindeiro venres, 28 de xaneiro, o goberno Zapatero aseste un novo e durísimo golpe ás clases populares coa reforma do sistema de pensións, reforma coa que (en función do texto definitivo da reforma) cobraremos entre un 20 e un 25% menos ao chegarmos á idade de xubilación e coa que nos retiraremos máis tarde do que agora.

Unha nova “puñalada aos sectores máis febles da sociedade”, en palabras de Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, pois serán as clases populares as máis perxudicadas, no entanto que o sector financeiro volve refregar as mans cunha reforma que o beneficia clara e descaradamente.

O BNG continúa a súa xeira de repartos informativos. O pasado domingo foi na feira de Paiosaco, e este domingo será na feira de Carballo. Ademais, o BNG tamén colocou cartaces en todas as vilas da comarca chamando á mobilización o 27 de xaneiro en defensa dos nosos dereitos e contra a reforma das pensións.

Os datos cantan

A Confederación Intersindical Galega (CIG), que convoca en solitario esta Folga Xeral, habilitou unha páxina web específica para demostrar con datos e argumentos sólidos o inxusto da reforma e a necesidade da mobilización social.

A través desta páxina web (http://folgaxeral.galizacig.com/) podemos ver claramente como, por exemplo, a idade de xubilación no Estado Español xa é das máis altas do conxunto da Unión Europea ou coñecer claramente como son de falsos os datos e augurios sobre a quebra do sistema público de pensións.

A mocidade, contra o desemprego xuvenil e a reforma das pensións

Galiza Nova de Bergantiños, organización das mocidades do BNG, tamén se mobiliza estes días nos centros de ensino da comarca para repartir información contra a reforma das pensións.

Galiza Nova lembra que esta reforma, aínda que semella lonxana, a quen máis vai prexudicar, precisamente, é a mocidade que está a comezar ou aínda non comezou a súa vida laboral. Por esta razón, chama a secundar no ensino medio de todo o país a xornada de Folga Xeral deste 27 de xaneiro.

 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]