Galiza nova lamenta que os Institutos consideren o Noitebús alleo ao seu alumnado

A acollida foi moi positiva no IES Parga Pondal, a maioría do alumnado xa coñecía a nova da desaparición do Noitebús

Carballo, 09 de novembro. Galiza Nova de Bergantiños prosegue na súa intención de denunciar a supresión do servizo de transporte nocturno, Noitebús, por parte da Xunta de Galiza, e está a trasladar a cuestión ao alumnado para que asine en demanda da continuidade do servizo.

Galiza Nova trasladou por escrito a petición aos cinco institutos de bacharelato da comarca a petición para recoller sinaturas entre o alumnado. O IES Alfredo Brañas, onde se prevía recoller sinaturas hoxe, martes, convértese no segundo centro que nega tal posibilidade, alegando que se trata de cuestións extraacadémicas.

Galiza Nova de Bergantiños respecta, mais non comparte, esta decisión. O servizo de Noitebús está a ter unha ampla demanda entre a mocidade da comarca e do país, sendo aplaudido por todo tipo de entidades e pola sociedade en xeral. Case ninguén discute a estas alturas que o transporte nocturno evita riscos innecesarios nas estradas e posibelmente, no seu curto período de existencia, teña salvado vidas que non teñen prezo.

Considerar que esta problemática é allea ao estudantado supón pecharse nunha visión reducionista do que é un centro de ensino. O alumnado non vive no instituto como se dunha burbulla se tratase, e decisións como a supresión do Noitebús aféctanlle moi directamente e non pode ser alleo a elas.

Galiza Nova manifesta a súa vontade inquebrantábel de achegarse ao conxunto da mocidade, xa sexa nos centros de ensino ou fóra deles. No IES Alfredo Brañas, como antes no IES Isidro Parga Pondal, se non é posíbel recoller as sinaturas no propio centro, farase ás portas noutra data en que a climatoloxía o permita, mais ninguén impedirá que Galiza Nova anime á mocidade a demandar a continuidade do Noitebús.

O exemplo demostra que á mocidade lle preocupa a desparación do Noitebús

Onte, luns, Galiza Nova estivo presente no IES Ponteceso, onde a dirección si facilitou a recollida de sinaturas. A boa acollida (en pouco máis de vinte minutos á saída das clases da tarde recolléronse máis de medio cento de apoios) demostra que esta campaña si interesa ao alumnado e si incide de forma directa na súa vida.

Galiza Nova de Bergantiños percorreu xa nos últimos dez días dous institutos, algunhas paradas de Noitebús, e traballou desde o persoal para trasladar esta problemática ao conxunto da sociedade. A día de hoxe, son máis de 500 as persoas que asinaron demandando a continuidade do Noitebús, o que demostra a preocupación social que provoca a retirada deste servizo.

Pablo Vázquez Acosta

Responsábel comarcal de Galiza Nova de Bergantiños

 

Outras novas :

3-11-2010 :   A campaña contra a retirada do Noitebus recibe unha boa acollida na sua primeira parada : o IES Parga Pondal.

22-10-2010:  Non á supresión do Noitebús.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]