Táboas cualifica a licitación de Carballo-Berdoias de "Crónica dun fracaso anunciado" e afirma que nun "goberno responsábel" Agustín Hernández estaría cesado

Santiago de Compostela, 11 Outubro 10.- A portavoz de infraestructuras do g.p do BNG, Teresa Táboas, asegurou hoxe, durante a comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, sobre o proceso de licitación da autovía Carballo-Berdoias, que nun goberno “responsábel” cun presidente “responsábel” Hernández estaría cesado e habería moita xente imputada por ter estado xogando durante un ano e medio cos cartos de todos os galegos licitando, rescindido e logo volvendo a licitar con outro modelo “máis barato”  cando o “pillan in fraganti”.

Táboas preguntou se, efectivamente, ese novo modelo elexido é máis barato, implica facer a autovía máis rápido e un longo etcétera de ventaxas por que non o elexiu antes e lamentou que se perdera un ano e medio, con elevados costes para a sociedade, que o único que provocou é deixar “mal parada  á súa consellería e a súa persoa”.

A deputada nacionalista afirmou que este debate é a “crónica dun fracaso anunciado” e lembrou que o BNG, a través da súa persoa, xa lle advertiu hai un ano e medio en pleno dos riscos dos modelos de colaboración público-privada, nomeadamente o tipo de modelo de peaxe na sombra, porque as entidades financieiras pecharon a billa a proxectos de alto risco, como o da autovía, toda vez que coa crise a densidade de tráfico, que é grazas ao que funciona a dita peaxe, diminúe.

In fraganti

“Mais vostede puña caras de non saber de que lle estaba falando”, engadiu a parlamentar, e agora está pagando esa falta de coñecemento que ten sobre os diferentes modelos e cal é o máis acaído para Galiza e para as súas infraestructuras cun fracaso que retrasa en máis dun ano e medio a construción desa vía e o obriga a comparecer e a que todo o País estea pendente desta comparecencia porque o “pillaron in fraganti”.

Para Teresa Táboas, a intervención de Agustín Hernández, non obstante, foi un intento de distraer a atención falando do pasado, unha “maniobra disuasoria” para tentar agochar a súas responsabilidades e desvelou que no pasado mes de Febreiro, na reunión de seguimento das infraestructuras en Madrid, Hernández preguntou publicamente diante de todo o mundo se alguén lle podía explicar como funcionaban os distintos modelos de colaboración público-privada, demostrando de novo o seu descoñecemento e que, por tanto, durante todo este tempo estivo experimentando. Neste sentido, sinalou que o conselleiro terá que aclarar tamén por que na segunda licitación a mesa de contratación elexiu a oferta máis cara e por que cesou, “ou para ser máis rigurosos, dimitiu”, a directora xeral.

Rirse de nós

Táboas advertiu que con este tipo de políticas está pondo en creba unha Consellería como a súa, de tanto investimento, e sumíndoa á inacción, pois a maiores do conflicto con Carballo-Berdoias, a Lei de Transportes está recurrida ante o TSXG, hai que demoler o encoro do Umia e “vostede se nega a respostar sobre este asunto neste pleno”, etc.

A parlamentar nacionalista concluiu lamentando que o conselleiro viñera á Cámara a “rirse de nós”, pois non deu reposta a ningunha das preguntas prantexadas polo BNG, e replicoulle que o peor non é que os nacionalistas estean na oposición, “senón que estea vostede, na oposición a nós e na oposición a Madrid cando o que tiña que facer é gobernar”  e asumir as súas responsabilidades perante o presunto fraude de licitación Dun proxecto que xa semella a “Autovía ao inferno”, ironizou.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]