O BNG reclamou no parlamento a anulación da suba da peaxe Carballo - A Coruña

07/07/2010. O BNG vén de presentar unha serie de iniciativas no parlamento galego para demandar que se anule a suba da peaxe na AG-55. Carlos Aymerich, Evencio Ferrero e Vítor Recarei compareceron onte diante dos medios de comunicación para explicar as posicións do BNG.


Vítor Recarei, responsábel comarcal de Bergantiños, explicou que o BNG xa denunciou no seu momento que o Partido Popular non cría na supresión da peaxe e que só adoptaba medidas de maquillaxe diante do electorado, medidas que xa no seu día se analizaron como insuficientes e moi condicionadas. Agora, valorou, queda claro cal é a realidade: o PP considera que a peaxe ten que existir.

Carlos Aymerich, portavoz parlamentario do BNG, comezou, na presentación da súa iniciativa, por repasar os datos que lle dan soporte. Explicou que a subida aprobada pola Xunta implica subas de até o 11.11% (nos tramos A Coruña-Arteixo e Paiosaco-A Laracha), e tamén moi por riba da suba do IVE como no caso do tramo A Laracha-Carballo (7.14%), Arteixo-A Laracha (4.76%), Paiosaco-Carballo (4.55%) ou Arteixo-Carballo (2.94%).

O portavoz do BNG explicou que as iniciativas do BNG van no sentido de demandar explicacións políticas ao goberno Feijoo, mais tamén se presentou unha proposición non de lei para pedir a retirada da suba da peaxe. Aymerich preguntouse se estas medidas son unha mostra da aposta do PP polas comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte.

A austeridade

Carlos Aymerich fixo referencia ás continuas proclamas do PP á austeridade, e lamentou que só se pida austeridade á cidadanía de a pé, mentres ás empresas concesionarias se lle aproban, como neste caso, aumentos nos seus beneficios de até un 11%.

O portavoz do BNG tamén tivo tempo para facer repaso doutras cuestións de actualidade, como a proposta de Lei de augas coa que o Partido Popular pretende facer cargar á cidadanía cun novo e inxusto imposto.

O boletín do Partido Popular de Carballo


Evencio Ferrero, na súa intervención, fixo referencia ao último boletín do Partido Popular de Carballo, no cal o partido que goberna a Xunta de Galiza presume da suposta e fraudulenta rebaixa aprobada no mes de maio, que agora queda xa inutilizada e sobrepasada polo novo acordo do goberno galego.

Para Evencio Ferrero é “inadmisíbel que un grupo político, coñecendo que se tomarán medidas de aumento [da peaxe], faga gala de que se está facendo o contrario”, e cualificou de ousadía a actuación dos populares carballeses.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]