O BNG solicita documentación sobre o novo PXOU da Guarda
“O principal responsábel de que A Guarda non teña Novo Plan Xeral de Urbanismo é do Sr. Alcalde, X.M. Freitas, que tivo 5 anos para aprobalo”A Guarda, 2 maio 12.- Ante as noticias aparecidas nos medios de comunicación sobre a intención do goberno municipal do PSOE de levar a pleno a aprobación inicial do novo PXOU, o BLOQUE NACIONALISTA GALEGO solicitou por medio dun escrito toda a documentación relacionada co novo plan xeral para o seu coñecemento e an análise.
O BNG ten claro que a aprobación dun novo PXOU é unha necesidade e unha prioridade para o pobo da Guarda. Agora ben, o documento que se pretende aprobar debe ser coñecido, analizado polo conxunto das forzas políticas e deberá ter en conta as aportacións dos diferentes sectores da sociedade guardesa.
Ante as demandas de unanimidade solicitadas polo Sr. Alcalde, o BNG lembra que no ano 2.007 o PSOE e o PP votaron conxuntamente a favor do “Convenio urbanístico dos Xesuítas” que vai condicionar o novo PXOU. O BNG votou en contra dado que se trataba dun escándalo urbanístico, cinco días antes dunhas eleccións municipais. Daquela, o actual alcalde non tivo reparos en esquecerse da “unanimidade do PXOU”.
Utilización política das 21 licenzas
O BNG insta ao alcalde da Guarda a deixar a actitude vitimista nos medios de comunicación e que asuma a súa parte de responsabilidade, tanto no asunto “das 21 licenzas” como na “tramitación do PXOU”.
“O principal responsábel de que A Guarda non conte cun Novo Plan Xeral de Urbanismo é do Sr. Alcalde do PSOE, X.M. Freitas, que tivo 5 anos – catro con maioría absoluta – para poder aprobalo”. Comentou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG esta situación é froito da inoperancia e ineficacia do Alcalde e o grupo de goberno do PSOE, que non foron quen de sacar en 5 anos un novo plan de urbanismo, a pesares de ser unha promesa electoral. Sobre todo cando se lles vendeu aos afectados polas anulacións das 21 licenzas o novo PXOU como solución.