O BNG EN TUI DENUNCIA O ENGANO DO PP AOS VECIÑOS DE AREAS RESPECTO DO VAC TUI-A GUARDA
TUI.- Dende o ano 2009 o BNG leva presentado mocións no Concello de Tui e no Parlamento Galego sobre a VAC ao seu paso pola parroquia de Areas que recollían as peticións dos afectados por esta gran infraestrutura e que pedían solucións aos problemas que lles provocaban.
O 26 de abril de 2012, no Parlamento Galego, a Deputada do BNG Carme Adán, descubría polas palabras da Directora Xeral do MATI que non se terán en conta as peticións da “Plataforma de afectados de Areas” respecto do acceso directo ao Polígono industrial porque segundo lle foi manifestado o trazado xa leva tempo acordado co equipo de goberno do PP de Tui.
En definitiva, non haberá acceso directo ao Polígono industrial de Areas dende a Autovía.
A Deputada do BNG, Carme Adán, lamentou que a existencia dun acordo no Parlamento galego, as demandas dos veciños e mesmo a recollida de sinaturas para reclamar un novo trazado, non resulten suficientes para que a Xunta non mude de postura e pretenda construír o novo acceso ao polígono industrial que ninguén apoia.
O BNG de Tui, pola súa banda, quere expresar o seu mais enérxico rexeitamento a esta forma de proceder especialmente no que lle toca ao Equipo de Goberno do Concello de Tui.
O BNG non pode aceitar que durante meses o Equipo de goberno do PP de Tui estivera enganando aos veciños e veciñas de Areas a través de reunións cando agora se descubre que xa tiña pactado coa Xunta de Galicia manter o acceso ao polígono industrial por un Vial claramente rexeitado polos afectados.
As reunións celebradas a petición da “Plataforma de afectados de Areas polo Vial Tui-A Guarda” so serviron para manter aos veciños “silenciados” durante meses mentres Moisés Rodríguez xa sabía que non lle ía dar solucións aos seus problemas e lles mentía descaradamente.
Qué tipo de credibilidade ten un Alcalde que confunde aos veciños con reunións inútiles?
Merecen os veciños de Areas seren enganados cando o Alcalde xa sabía da resposta “definitiva” da Xunta de Galicia?
A actitude do equipo de Goberno do PP é absolutamente inadmisible nun goberno democrático.
O Grupo municipal do BNG esixirá contas ao equipo de Goberno do PP sobre este asunto.