O BNG no Rosal lamenta que se utilice a Axente de Desenvolvemento Local para facilitar a emigración pero non para xerar emprego no concello
“Utilizar os recursos humanos de Desenvolvemento Local para facilitar a emigración, é un despropósito. Pon de manifesto que o equipo de goberno carece de ideas e non confía nas potencialidades do noso concello” di Alberte Alonso Pereira.O Rosal .- O BNG no Rosal, mostra o seu estupor ao ter constatado que o servizo municipal de Desenvolvemento Local, está a ser utilizado para facilitar a emigración de persoas, e non para elaborar plans de xeración de emprego na localidade.
O voceiro nacionalista no concello do Rosal, Alberte Alonso Pereira, lembra que cando o PP aprobou os orzamentos deste ano, xa criticara o feito que non se destinara un só euro para desenvolvemento local. Agora, indica, o Alcalde da unha mostra máis da súa falla de ideas, utilizando a ADEL para recoller curriculums de persoas para unha empresa que, supostamente, vailles dar traballo en Alemaña.
Os nacionalistas indican que non tería maior importancia este feito, se a actividade principal deste servizo fora desenvolver alternativas de emprego no concello. E facilitar os curriculums fora unha actividade secundaria ou complementaria para quen así o quixera, tendo en conta a situación de paro existente.
Para o BNG por un servizo técnico municipal, financiado con cartos públicos, ao servizo dunha empresa estranxeira, considérano un feito gravísimo, aínda entendendo a desesperación de moita xente por atopar traballo. Pero consideran, que este debería ser o último recurso e a administración, neste caso o concello, debe traballar para crear as condicións que faciliten o emprego aquí, na nosa terra, e non fora.