O BNG reuníuse na Guarda con persoas afectadas polas participacións preferentes

"A solución a este problema é política. Os mesmos que no seu momento autorizaron este producto financeiro terán agora que aportar unha solución ás familias que non poden recuperar os seus aforros" dixo Henrique ViéitezA Guarda, 13 abril 2012.- O BNG celebrou na Guarda unha charla informativa na que se analizou polo miúdo a delicada situación que están a vivir moitas familias que foron enganadas para investir en participacións preferentes.

Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG na Guarda, encargouse de presentar o acto que congregou arredor dun cento de afectados. Durante a súa intervención introduciu os aspectos fundamentais desta estafa: "Estamos ante a maior fraude da historia de Galiza" afirmou.

Trala intervención do portavoz municipal do BNG, foi Henrique Viéitez, deputado do BNG e membro da Comisión de Economía do Parlamento Galego, o que se encargou de facer unha exposición máis técnica de todo o escenario no que se está a desenvolver este drama que se calcula que pode afectar entre 90.000 e 100.000 aforradores e as súas familias na Galiza.

Henrique Viéitez insistiu en que a solución a este problema é política: "Os mesmos que no seu momento autorizaron este producto financeiro teñen agora que aportar unha solución ás familias que non poden recuperar os seus aforros".

Do mesmo xeito acusou ao goberno galego de tentar invisibilizar o problema e as protestas das persoas afectadas. O deputado nacionalista animou ás persoas afectadas a seguir mobilizándose. "Hoxe aparecen en todos os medios de comunicación e ese é un éxito de todas e todos vostedes, de non terse mobilizado este problema non existiría para o goberno" afirmou.

O deputado do BNG expuxo que as entidades financeiras adicáronse a procurar beneficios a calquera custo, inda que implicase enganar ao cliente e venderlle uns produtos que non están pensados para eles e mentindo sobre as súas características. Isto foi o que aconteceu coas participacións preferentes, coas obrigacións subordinadas e outros produtos financeiros afíns. E non tiveron escrúpulos en coller aforros de toda unha vida nin indemnizacións por despido a persoas que, agora que a crise está na súa fase máis dura, precisan duns cartos que non poden recuperar.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]