O alcalde da Guarda négase a condenar a humillación recibida por unha veciña de Camposancos

“O BNG considera a actitude do alcalde unha actitude cobarde froito de evitar o enfrontamento co seu compañeiro do PSOE e presidente da Entidade Local Menor de Camposancos”A Guarda, 10 abril 12. O Bloque Nacionalista Galego denunciou en pleno o que considera un abuso de poder por parte da Entidade Local Menor de Camposancos. Diante destes feitos o Alcalde da Guarda evitou condealos publicamente.
Os feitos ocorreron hai uns días cando unha veciña de Camposancos atopou un letreiro de grandes dimensións no portalón da súa casa no se lle lembraba que tiña pendente un pago coa Entidade Local Menor de Camposancos. No letreiro, con membrete da Entidade menor, figuraba o nome e apelidos da veciña e o cuño da entidade.
Ante o coñecemento destes feitos, o BNG solicitou a condea e o rexeitamento do Alcalde da Guarda destas prácticas. Sorprendentemente o Alcalde, X. M. Freitas, evitou condear os feitos amparándose na Autonomía local da Entidade Local Menor de Camposancos.
O BNG considera a actitude do Alcalde da Guarda unha actitude cobarde froito de evitar o enfrontamento co seu compañeiro do PSOE e presidente da Entidade Local Menor de Camposancos.
O BNG advirte que estes feitos poden ser constitutivos de delicto, por ser unha clara vulneración da lei de protección de datos.
“É incompresíbel que o Alcalde da Guarda non rexeite estas prácticas, veñan de donde veñan, sobretodo se afectan a veciños e veciñas da Guarda, sexan de Camposancos, da Gándara ou de calquera outra parte do concello. O deber dun alcalde é defender aos seus veciños ante situacións coma estas”, comentou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
O BNG vai presentar un escrito na Entidade Local Menor de Camposancos esixindo unha desculpa pública, así como a depuración de responsabilidades para que estes feitos non se volvan repetir.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]