O BNG de Tui rexeita a privatización da Escola Infantil de Tui e esixe saber exactamente a data da súa apertura

Tui, 22 marzo 2012.- O BNG leva polo menos dende o ano 2005 reclamando unha escola infantil pública para Tui. Durante o Goberno do Bipartito o BNG insistiu moito na creación da Galescola xa que a Xunta de Galiza ofrecíase no ano 2008 a asumir o 80% do gasto total da construción e da xestión deste servizo público tan importante para a conciliación da vida laboral e familiar dos e das tudenses. A incompetencia do Partido Popular provocou a perda de tan importante oportunidade.

E pasaron anos e anos de promesas incumpridas do Partido Popular: en abril do 2010 podíase ler na prensa que “Segundo a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, Tui terá unha escola infantil autonómica con 82 prazas para nenos de entre 0 e 3 anos antes de que finalice o 2011”. En outubro do 2011 a prensa recollía outra promesa sobre a apertura da “gardería pública” calculada a partir dese momento en seis meses. Por aquel entón os medios de comunicación xa lembraban que “Ate setenta e sete veces se tiña solicitado, debatido, comprometido ou falado da necesidade de contar cunha gardería municipal en Tui”.

No Pleno do Concello de Novembro de 2011, Carme Verde, Concelleira do BNG de Tui lle preguntaba novamente ao Alcalde sobre o tema pedindo aclaracións sobre:

   1.  o proceso de adxudicación á empresa que tiña que construír a Escola infantil. Ao cal o Alcalde respondeu que “estaba avanzado o tema”.
   2.  o financiamento, xa que con independencia da axuda do Ministerio de Educación non aparecía partida orzamentaria algunha asociada á construción e posta en marcha de ningunha Escola infantil en Tui nos Orzamentos da Xunta de Galiza do 2012. Ao que o alcalde respondeu literalmente “Non se preocupe que este Concello ten diñeiro”
   3. a data de apertura. Ao cal o Alcalde respondeu que a matrícula da gardería pública estaría aberta en marzo de 2012 para que os nenos e nenas estivesen nela no próximo curso académico do 2012.

O 1 de marzo de 2012 abriuse o prazo da Xunta de Galicia para reservar praza na Rede de Escolas infantís da Xunta de Galicia. Tui non aparece. E non aparece porque a gardería infantil pública que ía ser construída en Tui vai a ser privatizada tal e como se deduce do anuncio do Consorcio Galego de Benestar e Servizos Sociais nos DOG do 17 e 18 de xaneiro no que anunciaba a privatización de cinco escolas infantís.

O BNG denuncia e rexeita que o PP aposte por privatizar servizos públicos básicos como os educativos, converténdoos nun negocio con lucro para as empresas privadas á quen se lle conceda a xestión destes centros públicos, construídos con diñeiro de todas e todos, esta vez procedentes do Ministerio de Educación.

Esta decisión supón un retroceso na consolidación dunha rede pública de escolas infantís para a etapa educativa de 0 a 3 anos. A privatización non so consiste en transformar un servizo público financiado con diñeiro de todos os contribuíntes nun negocio para as empresas xestoras senón ademais un empeoramento da oferta educativa así como das relacións laborais cos traballadores destas que serán seleccionados e contratados directamente pola empresa que se faga coa xestión do centro.

O BNG ademais esixe que o alcalde, Moisés Rodríguez, aclare dunha vez por todas sen faltar a verdade cando vai a abrir esta gardería privatizada xa que no lugar escollido para a súa construción non comezou ningunha obra a día de hoxe de forma que parece improbable que a gardería privatizada estea funcionando este mes de setembro de 2012.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]