O BNG creclama á Xunta apoio xurídico na Guarda para os afectados polas “participacións preferentes”

“A Xunta de Galiza ten que implicarse directamente dado que ten participación directa en Novagalicia Banco”A Guarda, 20 de marzo 2012.- O portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, instou ao Alcalde a que solicitase apoio xurídico á Dirección Xeral de Comercio dependente da Consellería de Economía e Industria.

O BNG considera que a Xunta de Galiza ten que ter unha implicación máis profunda na solución das chamadas “participacións preferentes”, nas que veciños e veciñas da Guarda están afectados pola comercialización irregular.

Así acordouse que a oficina de Consumo do concello da Guarda axudará a tramitar as denuncias que realizen os afectados, polo que o BNG considera imprescindíbel que teña un apoio xurídico para poder vehiculizar mellor as denuncias.

Segundo o BNG a Xunta de Galiza ten que implicarse directamente dado que ten participación directa nunha das entidades que comercializou estes productos bancarios, Novagalicia Banco.

“Se a Xunta ten a intención de axudar ás persoas afectadas polas preferentes, unha boa forma de facelo é aportar asesoría xurídica aos veciños e veciñas da Guarda”, comentou Xan Lois, concelleiro do BNG.



Acordo plenario de apoio aos veciños e veciñas afectados

Todas as forzas políticas con representación no Concello da Guarda chegaron a un acordo e presentaron unha moción baseada no acordo acadado polo PP, PSOE e BNG no Parlamento galego e a moción que presentou no concello o BNG.

O acordo, entre outras, insta á Xunta de Galiza e ao Goberno central á promover unha solución aos titulares das participacións preferentes, apoiar e informar a través da Oficina do Consumidor aos posíbeis afectados polas “preferentes”.

Tamén acordouse instar á Xunta de Galiza a exercer as potestades que ostenta sobre Novagalicia Banco para que os aforradores poidan recuperar inmediatamente o investimento realizado.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]