O CONCURSO EÓLICO EN FERROLTERRA

O traslado de ENCE xa fora anunciado polo actual alcalde de As Pontes, un ano antes de existir o concurso eólico.Logo da resolución do concurso eólico na Comarca de Ferrolterra asistimos a unha serie de declaracións públicas, tanto de persoeiros do PSOE e do PP como dalgún dirixente sindical, criticando que este concurso non significase o asentamento de novas industrias na nosa Comarca. Ante tanto balbordo, faise preciso aclarar unha serie de cuestións, pois se algo sobra na Comarca é anuncios - por certo, sempre da man dos agora “preocupados”- de instalacións de empresas que nunca se cumpren e fantasmais planes industriais que, como o máis recente, non modificaron a situación socio-laboral da comarca. En concreto, os alcaldes de Ortigueira e das Pontes referíanse ao traslado de ENCE e tamén, no caso das Pontes, á empresa Gonvaeolic. Pola parte sindical, un dirixente de CCOO, criticou que, existindo nesta comarca unha importante industria eólica, non se aprobase á instalación de máis Parques en Ferrolterra. Para rematar, na coral de críticas tamén participou un senador da comarca, o mesmo que defendeu nas Cortes do Estado que a volta de Astano á construción naval civil era negativo para a nosa Ferrolterra.
No caso da Celulosa, o primeiro que hai que dicir é que o traslado de ENCE xa fora anunciado polo actual alcalde de As Pontes, un ano antes de existir o concurso eólico. Aínda máis, resulta que o proxecto industrial presentado a este concurso non recollía o traslado de Ence, nin a súa nova ubicación, e só se comprometía á realización dun estudo de viabilidade sobre un hipotético traslado. Curiosamente, agora o alcalde das Pontes tenta botar balóns fóra, cando a responsabilidade dos seus anuncios só é culpa del. O do alcalde de Ortigueira xa é de nota. Un dirixente do Partido Popular que, lembremos, outorgou en Galiza 4.000 Mw eólicos, sen ningún beneficio para o país e onde o 95% das empresas que os explotan teñen a súa sé social fóra, critica agora a concesión de 2.290 Mw. nun concurso público, cun baremo coñecido, con obrigas de asociar proxectos empresariais e onde o resultado final é que a sociedade galega é a principal beneficiaria ao quedarse, por cesión dos promotores, co 14% dos Mw repartidos, cando a maior concesión a un promotor só chegou ao 10,3% do total.
Hai que dicir tamén - aínda que non teña a ver moito coa comarca- que, a diferenza dos decretos eólicos do PP, o actual impide a concesión de novos parques na Rede Natura, por iso, na resolución do concurso eólico non existe ningún aeroxerador novo en Rede Natura, por moito que dende Medio Ambiente se diga que poden afectar a súa futura ampliación, unha decisión que - paradoxalmente - foi incapaz de verificar esa mesma Consellaría.
Outra das críticas ( tamén do alcalde das Pontes ) fala de que no concurso non recibiu ningún Mw a empresa Gonvaeolic, que segundo él e o propio Conselleiro de Traballo íase instalar nese pobo. Aínda máis, o pasado 27 de Outubro - dous meses antes da resolución do concurso eólico- tal como se pode comprobar aínda hoxe na nota oficial da Consellaría de Traballo dese día, o propio conselleiro e o alcalde visitaron ao ministro de Industria e anunciaron que entre os anos 2007 e 2008, xa se crearan 806 postos de traballo ao abeiro do Plano Miner nas Pontes e en Cerceda. Pois ben: entre eses 806 postos “xa creados”, contabilizaron os de Gonvaeolic, todo un exemplo do rigor co que se anuncia a instalación de empresas nesta comarca. Se o alcalde das Pontes anunciou e mesmo deu por creados os postos de traballo dous meses antes da resolución do concurso, deberá explicar el porque o fixo, xa que era coñecido que a este concurso presentáronse moitos proxectos, que existía un procedemento de selección e que, por iso, diferentes proxectos non ían ser seleccionados; o que non pode pretender este alcalde é facer graciosamente os anuncios e esperar que os responsábeis da resolución do concurso eólico cometan unha prevaricación para satisfacelo.
A respecto da crítica sindical, contrasta co colaboracionismo que se ten cos “magníficos” resultados do Plan Ferrol, tantas veces publicados e que hipercrítico se é sobre un concurso que, dentro do seu baremo, non recollía discriminacións territoriais e que ademais tamén aprobou a instalación dalgún Parque Eólico na Comarca.
É certo que en Ferrolterra existe unha importante industria ligada ao sector eólico que, en moitos casos, vaise beneficiar das adxudicacións destes 2.290 Mw, porque vai supor unha importante carga de traballo para os vindeiros anos; mais tamén habería que explicar -por moitos dos agora críticos- as razóns de que Navantia decidira hai tempo non renovar a licenza que tiña con Siemens e que lle permitiría obter traballo no sector eólico, seguro que isto ten algo a ver coas limitacións de Navantia no sector civil, logo dos últimos acordos de reconversión. Aínda máis, se este dirixente sindical coñece algún proxecto empresarial, ligado ao concurso eólico, para situar na antiga Imenosa que diga cal é e en que consistía, non vaia ser que pretenda abrir un debate inexistente. En definitiva, a resolución deste concurso amosa o cinismo de moitas críticas, que calaron cando o PP concedía 4.000 Mw sen beneficio ningún para o País, e agora, aproveitando a presión interesada que se exerce dende importantes intereses económicos e empresariais que sempre tiveron o negocio eléctrico como un mercado pechado ás grandes empresas, aproveitan e súmanse á coral - profundamente desafinada, por certo- que só pretende desacreditar unha resolución exemplar da que Galiza tirará, por primeira vez na historia, beneficios pola súa capacidade de produción eléctrica. Ou sexa, que o vento sopre a favor do país.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]