Entrevista a Fernando Branco Parga candidato do BNG, no Diario de Ferrol
“Xa había persoas dependentes antes da chegada do BNG á Xunta”Fernando Branco destaca da experiencia de goberno do BNG a aplicación de “políticas estructurais que axudarán a pór en marcha este país”, e a continuación refírese á rede pública de servizos de Benestar impulsada dende Vicepresidencia, o Banco de Terras e as Unidades de Xestión Forestal -dende a Consellería de Medio Rural-; os planos de vivenda protexida ou a dotación de servizos en polígonos que carecían deles e a creación de chan industrial -no caso da área de Vivenda- ou o concurso eólico -cando se refire ao traballo feito dende Industria-. Di que agora é o momento de explicar a xestión destes tres anos e medio á cidadanía, pero “facendo constar en que sitio estabamos cando deixou o PP as responsabilidades de goberno”, sinala.A chegada do BNG á Xunta non posibilitou, pola contra, que se voltaran construir barcos na antiga Astano pese a que, segundo apunta, “o nacionalismo demostrou dende o Goberno que o naval de Ferrol pode ter futuro e debe telo. A actual situación é incompresible e inxustificable, ainda máis nestes momentos de crise. É unha agresión directa ao benestar e á economía da comarca e do país”.
O BNG respalda unha iniciativa lexislativa popular para que regrese a construcción naval convencional ao estaleiro de Fene. Podendo facer presión dende as responsabilidades que tivo na Xunta, ¿que necesidade hai de apoiar esta iniciativa?
O texto da comisión promotora da iniciativa se o presentamos como unha proposta propia no Parlamento voltaría ser aprobada. Pero hai que romper coa hipocresía de votar a favor cousas que logo non se queren cumprir, algo que tradicionalmente fan PSOE e PP dependendo de quen goberne en Madrid. A virtude da iniciativa lexislativa popular e que ten que ir acompañada, como mínimo, de 15.000 firmas, e quen se posicione en contra dela, non lle estará dicindo non ao BNG, senón a un amplo conxunto da sociedade. Con esta medida, veremos que é o que realmente defende cada partido.
¿E por que non condicionou o BNG o seu respaldo aos orzamentos do Estado a que na factoría fenesa se fixeran de novo barcos?
Os orzamentos son unha negociación Galiza-Estado, e no tema de Astano trátase dunha relación na que ten que participar o Estado, Bruxelas e nós demandamos que tamén o Goberno galego. Non se nos pode acusar de nada, porque se algo recoñece todo o mundo é a defensa do naval que fixo sempre o BNG. Ademais, conseguimos un compromiso do presidente Zapatero en sede parlamentaria de reabrir este asunto.
¿Por que non se chegou a crear a Axencia de Desenvolvemento Industrial, un dos compromisos con esta comarca da Consellería que dirixe Fernando Blanco ?
O PSOE pensou que podía colisionar co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía, e nas conversas cos nosos socios de goberno non fomos quenes de desbloquear este tema e nun goberno de coalición ás veces hai que ceder nas túas lexítimas posicións para garantir a estabilidade. O BNG segue defendendo a necesidade desta axencia de ámbito autonómico e a súa ubicación en Ferrol para axudar ao despegue económico e industrial desta comarca. Nesta lexislatura demos algúns pasos, ao pór en marcha os centros tecnolóxicos do naval e do plástico, que xa estaba previsto que formaran parte desta Axencia de Desenvolvemento Industrial.
¿A Xunta estaría disposta a quedarse coa titularidade de Recimil?
A Consellería de Vivenda ofreceu en varias ocasións ao Concello a súa disposición por recuperar este barrio obreiro de valor sigular. Pero a propiedade é do Concello e a Xunta non pode actuar sen o seu permiso. En todo este tempo a Consellería foi espectadora dos problemas entre os antigos socios do goberno local PSOE e IU. O parón que se produce en Recimil é culpa do Concello. A posición de Vivenda é que se actúe canto antes para que os veciños vexan que é un barrio recuperable e con servizos de calidade.
Invírtense cartos a moreas para rematar a Cidade da Cultura, mentres que as obras do auditorio seguen paradas. ¿Como o explica?
O auditoio non é un problema de diñeiro, senón xurídico-administrativo entre a Consellería de Política Territorial e dirección da obra. Non é comparable coa Cidade da Cultura, que a encontramos a medio facer, cos traballos xa adxudicados e sen saber para que serviría. O BNG nunca a tería empezado.
A Lei de Dependencia xerou demasiadas expectativas non cumpridas ¿Que fallou?
A lei ten que ir acompañada de suficientes recursos económicos. O BNG acadou na negociación dos orzamentos do Estado máis diñeiro para aplicala en Galicia. Creáronse expectativas porque atende a unha demanda social abandonada durante anos e cando o PP di que hai dependentes sen atender, decirlles que xa os había antes da chegada do BNG ao Goberno. Entendemos as críticas da xente, pero non imos calar ante a utilización noxenta que fai o PP desta cuestión despois do deslexo e abandono no que tivo a este sector da sociedade durante anos. Agora estase montando un novo Sergas en Igualdade e Benestar. ¿Canto se invertiu en poñer en marcha o sistema de saúde pública, con todas as carencias que ainda ten hoxe? En tres anos e medio fixemos centros de día, galescolas, acordamos a ampliación da residencia de Caranza que leva trinta anos constuida, empezamos as obras para que a Casa do Mar sexa tamén un centro de Alzheimer ¿Que fixo o PP durante o tempo que gobernou?
¿Que responde ás críticas polo proceder da Consellería de Industria no concurso eólico?
¿Por que das agresións? Por que pensaban que Galiza era unha leira para catro empresas eléctricas de enorme poder económico e mediático. Non estamos no Goberno para enfrontarnos con Iberdrola, Endesa ou Fenosa... senón para defender o que entendemos que son as necesidades da sociedade galega, que foi a auténtica beneficiada neste proceso. Durante os gobernos do PP xa houbo concesións por 4.000 megavatios, e o 95% das empresas que as obtiveron teñen a sede social fora de Galicia. O concurso impulsado pola Consellería de Industria sumou un total de 2.200 megavatios, e a pesar de ser pouco máis da metade do que xa ten dado o PP, por primeira vez o Goberno galego terá unha participación do 14% no sector. O BNG está moi contento de como resultou este concurso.
¿Por que custa cartos desprazarse por autoestrada dunha poboación a outra da comarca, como é o caso cando viaxas dende Ferrol a Pontedeume, por exemplo? ¿Non vai isto contra a tan manida vertebración de Ferrolterra?
Despois de que o Discoverer Enterprise rachara coa ponte das Pías, o PP negociou coa propietaria da autoestrada a construción do treito libre de peaxe entre Fene e Ferrol a cambio de ampliar a concesión 50 anos máis. O BNG foi o único partido que rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa para que a gratuidade se extenda, cando menos, ata Pontedeume. Un debate que non se chegou a dar na Cámara galega nesta lexislatura, pero que sí se plantexou nos Concellos da comarca con distintos resultados. O BNG defende que hai que levantar esta peaxe e facer un novo acceso en Andrade. Por certo este é un compromiso do PSOE do ano 97, cando Pérez Touriño era secretario de Infraestructuras do Estado.
Coas actuais competencias, ¿que medidas ten que tomar a Xunta para paliar as consecuencias da crise económica?
O Goberno galego ten que ter cimentos propios de financiamento, que non obriguen á sociedade, ás empresas e á xente, a depender dos créditos que poidan conceder os bancos privados. De aí a necesidade dun Instituto Galego de Crédito. Nesta liña, hai que facer unha Lei Galega de Caixas de Aforro. O BNG non pode entender que nun momento de crise como o actual as caixas, que son entidades semi-públicas, estean mercando bens inmobiliarios no Levante ou no mercado especulativo.
¿E para os parados?
Máis protección para a xente que non ten traballo. Pero tendo en conta que a mellor medida para estas personas desempregadas é xerar postos de traballo e, neste aspecto, de novo o caso de Astano é paradigmático. Temos na comarca un activo idustrial pechado cando 150 kilómetros ao sur, en Vigo, hai un estaleiro con carga de traballo que non pode admitir máis pedidos por falta de capacidade, e aquí temos unha planta naval practicamente pechada. Demandamos máis competencias para o goberno galego, para ter operativos os nosos sectores productivos.
¿Cales son os obxectivos irrenunciables que se marca o BNG para os vindeiros catro anos?
Ampliar as competencias do Goberno galego e acadar un Estatuto de Nación. Non podemos seguir con limitacións en temas que son fundamentais para o país como é o aproveitamento dos recursos enerxéticos ou dos nosos sectores productivos. Outra meta a acadar é abrir Astano á construcción naval civil e que o idioma galego teña os mesmos dereitos que o español.