Carlos Aymerich estará en As Pontes para falar sobre as propostas do nacionalismo ante a crise
Non. Quizais non se trate ainda da fin do capitalismo, apesar de Samuelson ou Stiglitz compararen a actual crise financeira coa queda do muro de Berlín. Mais, ao menos, é de esperar que ao estrondo do estourido da enésima burbulla financeira suceda a fin do capitalismo tal e como o coñecemos desde 1973. De facto, de facermos algunha comparación, debe recoñecerse que a crise actual guarda grandes similitudes coa de 1929: baixos salarios, alto grao de endebedamento privado, especulacion financeira, regulación e organismos fiscalizadores inaxeitados ou inexistentes e doutrina económica oficial ultraliberal (neoclásica daquela, neoliberal hoxe). Poderíamos seguir co xogo das semellanzas: do mesmo xeito que tras da depresión subseguinte a recuperación veu da mán da intervención e planificación pública da economía, cabería pensar que tamén hoxe é a intervención pública - en forma de inxección de liquidez nos mercados ou salvamento de entidades financeiras quebradas - a que nos vai guiar ao final do túnel.
E, porén, hai diferenzas substanciais. Non abonda coa recuperación de instrumentos públicos de regulación e dirección da economía. Para que o modelo mude realmente o decisivo non é que se interveña (a socialización de perdas é unha característica esencial do capitalismo) mais o sentido, os fins que a meio desa intervencion se procuren. E, a diferenza do "New Deal" dos anos trinta do século pasado, os milleiros de millóns de dólares investidos nesta crise non visan protexer os intereses dos particulares endebedados mais, por en canto, aforrarlle quebrantos a accionistas e xestores salvando con diñeiro público as súas empresas. Haberá que aguardar para ver como evolúe a situación e se o investimento público vai ir acompañado da titularidade ou control público desas entidades e dunha regulación mais intensa en beneficio da maioría, sen esquecer que o plano de resgate orquestrado pola SEC, a Fed e o departamento do Tesouro responde, por máis que disto non se adoite falar nos media, á presión dos investidores estranxeiros, especialmente chineses, que advertiron seriamente con retirar os seus capitais dos EUA e convertilos a outras divisas.
Son muitas, pois, as incógnitas. Mais, contodo, hai unha conclusión que xa se pode adiantar: nada volverá a ser como antes. O Estado e a intervención pública, deostados pola ortodoxia neoliberal como sinónimos de desbillamento e inefiencia, voltan ocupar unha posición central e, con el, a política. A economía ten de volver a ser obxecto de debate e de decisión política e, como nos Estados Unidos, as saídas á crise terán de ser discutidas politicamente: isto é, manifestando cadaquén claramente que intereses e que grupos defende coas súas propostas. E é a hora tamén das políticas. O silenzo, clamoroso, do FMI e do BM manifesta o fracaso das súas receitas e abre a porta á formulación de políticas novas que atendan, de verdade, as necesidades e ás peculiaridades de cada país.
O que non serve é ficar inmóbil. Como se nada se pasase. O goberno español e a Unión Europea deben asumir a nova situación e actuar, abandonando as vellas receitas (xornada de 65 horas, liberalización de servizos, suba de tipos de xuro) que ambos teiman en aplicar.