A Consellería de Sanidade nega a segunda pediatra para o centro de Saúde
Ate abril do ano 2005, precisamente antes de que o PSOE entrase na Consellaría de Sanidade, As Pontes tiña un pediatra e un puericultor para o mesmo número de nenos/as que actualmente.
O propio Sergas recoñece que As Pontes ten un das maiores cantidades de tarxetas sanitarias de nenos/as por pediatra de toda a Área Sanitaria de Ferrolterra, un caso só semellante ao de Narón, coa gravidade de que, ante a falla de pediatra, os nenos/as de Narón teñen o Servizo de Urxencias do Hospital a 5 minutos e os das Pontes a 35 minutos, é dicir, no caso do noso pobo dáse a peor situación da Comarca.
Para agochar os seus fracasos, o goberno municipal do PSOE nas Pontes anunciaba polo mes de abril a elaboración dun estudo sobre a natalidade do noso pobo para poder solicitar outro pediatra.
Do 15 de xullo ao 15 de agosto, nas vacacións da actual pediatra, a Consellaría de Sanidade pretendía deixarnos sen o servizo. Diante da denuncia do BNG, a Xerencia de Ferrol, alegando a inexistencia de pediatras nas listas de contratacións, enviou a unha médico especialista en Medicina de Familia e Comunitaria, cun diploma de Pediatría Preventiva e Social.
No mes de setembro, nunha intervención no Parlamento galego, o BNG insistía de novo para que a Consellaría de Sanidade extendese a solución puntual dada para cubrir as vacacións de verán da Pediatra a todo o ano, é dicir, volver á situación de Abril do 2005.
A resposta da área socialista foi concluínte:
Para a Consellaría de Sanidade, “... As Pontes é unha poboación que pola súa localización e/ou dispersión xeográfica ten un difícil acceso ao pediatra ...”, pero que aínda tendo un número importante de nenos/as menores de 15 anos, existe, segundo di a Consellaría, “... unha tendencia decrecente nos últimos anos ...” (¡e o Concello facendo estudos!), por iso non implantarán a solución dada no verán ao resto do ano, xa que, segundo a Consellaría, de poñer outro pediatra o número de nenos/as que terían que atender cada especialista sería moi baixo.
En definitiva, a Consellaría de Sanidade (PSOE), condeanos a estar cunha soa Pediatra, cubrindo as súas baixas ou vacacións, pero deixanos nunha peor situación da que tíñamos en Abril de 2005; isto é un claro retroceso da atención médica neste pobo.
Mais se en Pediatría empeoramos, tampouco sabemos o resultado das repetidas promesas do PSOE local a respecto da implantación dun Servizo de Radioloxía, o tempo pasa e do anunciado non hai nada.