O BNG denuncia que o lavadoiro da Banda fai máis dun ano que non funciona.

O lavadoiro atópase completamente seco debido ao non suministro de auga.
Aínda que puidera pensarse que se trata dunha actividade xa abandonada ou pouco frecuente, o uso dos lavadoiros e común no noso concello por parte de diversas persoas, principalmente mulleres, que recurren a estas instalacións para limpar todo aquilo co que non se pode empregar unha lavadora convencional: alfombras, cortinas de grandes dimensións, etc.

O tubo causa un impacto visual negativo no centro do río.
É polo tanto unha obriga do goberno municipal manter estas instalacións en boas condicións, ou cando menos en funcionamento. Non é o caso do lavadoiro da Banda, na parroquia de Santa Cruz, onde, dende xa fai máis dun ano o lavadoiro permanece inactivo dende que unha riada arrastrou a canalización que lle levaba a auga e que agora permanece no medio da canle provocando un impacto visual negativo. As persoas que agora non poden empregar esta instalación, fan a súa tarefa no medio do río, sobre uns pasais que o atravesan, do mesmo xeito que se facía na primeira metade do século pasado, e con evidente deterioro da súa saúde.
A actuación que o BNG reclama para o lavadoiro da Banda é ben sinxela: volver a conectar o tubo e poñer de novo en funcionamento o lavadoiro.

A varanda da ponte está parcialmente destruída
Atopámonos tamén que a varanda de madeira da ponte que cruza o río atópase parcialmente destruída, o cal significa un risco de accidente á hora de atravesar cara a Pontebarbanza. Solicitamos igualmente o seu inmediato arranxo.