Reunión veciñal en Santa Cruz

O encontro tivo lugar na escola unitaria da Granxa

O viceresponsábel local Xesús Vilasó presentou o acto, lembrando que o BNG celebra con frecuencia este tipo de encontros coa cidadanía, nesta e nas demáis parroquias do concello, e que buscamos unha democracia participativa na que a través do contacto directo cos veciños e veciñas da Pobra podamos planificar a nosa actividade.

O BNG presentou unha moción solicitando a cubrición da pista deportivaA continuación Rosana Pérez Fernández, a nosa portavoz na corporación municipal, explicou cales foron as iniciativas que levamos adiante co obxectivo de mellorar os servizos e infraestruturas da parroquia de Santa Cruz. Citou, entre outras, a moción presentada ao pleno polo concelleiro Xosé Manuel Casal, na que solicitaba a cubrición da pista deportiva situada a carón da escola da Granxa e a construción dun centro social nas inmediacións da mesma.

A desidia do goberno do PP impideu adquirir os terreos para a ampliación do cemiterioLogo foron os propios veciños e veciñas as que puideron expoñer as súas inquedanzas. En primeiro lugar amosáronse de acordo coa moción presentada polo BNG. Logo manifestaron o seu descontento porque aínda non se produxo a ampliación do cemiterio de Santa Cruz, responsabilizaron á pésima xestión do goberno do PP, pois non foron quen de adquirir os terreos necesarios, cando o propietario estaba disposto a vendelos. E non só iso, se non que co seu desleixo impediron que fora a Mancomunidade de veciños de Santa Cruz quen se fixera cos terreos, pois tamén tiñan intención de mercalos para poder levar a cabo a ampliación. Finalmente foi un particular quen comprou a finca anexa ao actual cemiterio, o cal dificultará no futuro afrontar a obra que incrementaría a superficie do camposanto e melloraría o acceso ao mesmo (na actualidade moi deficitario) e dotaría de prazas de aparcamento e doutros servizos ao cemiterio.

No que se refire ao saneamento, chegouse á conclusión de que aínda queda moito para que a totalidade da parroquia dispoña deste servizo tan básico. Rosana Pérez, como deputada provincial e membro do goberno da Deputación da Coruña, explicou a posibilidade de que sexa esta institución quen financie algunha das obras de conexión a rede de saneamento.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]