Unha nova iniciativa a prol de mellorar á atención aos centros educativos

A ausencia das respresentantes do concellos é habitual nos consellos escolaresTras recibir varias queixas de pais e nais, o BNG púxose en contacto coas directivas e o profesorado dos centros públicos do noso concello para interesarse pola situación dos mesmos. Celebramos unha reunión na que tiveron ocasión de achegarnos a súa opinión sobre a situación das escolas da Pobra e da atención que reciben por parte do concello. As conclusións ás que chegamos son preocupantes. En primeiro lugar a comunicación entre o governo local e o profesorado dos noso centros de ensino é moi deficitaria, por non dicir que non existe. Non resulta estraño se temos en conta a reiterada ausencia das representantes do concello nos consellos escolares. Cando a colaboración debería ser o normal, o que ocorre na realidade é que só a continua insistencia das directivas dos centros consigue unha mínima atención por parte do governo popular.

Cristina Andrade presentou esta moción ao pleno da corporación.

Esta falta de comunicación deriva nun ineficiente mantemento das instalacións educativas, responsabilidade do concello. Non existe unha planificación conxunta de actividades extraescolares. Os centros son usados para actividades alleas e non sempre quedan nas condicións axeitadas, como pasou logo dos campamentos de verán ou en moitas ocasións logo dos comicios electorais. Os retrasos á hora de cubrir as baixas de limpadoras son frecuentes. A adecuación dos espazos exteriores de lecer é xa unha vella reclamación da maioría dos centros.

O BNG ten o firme compromiso de poñer en marcha o Consello Escolar MunicipalO governo do Partido Popular carece da vontade política necesaria para mellorar a calidade do ensino público, incumpre as súas obrigas permitindo o deterioro dos centros e a súa colaboración coa comunidade educativa é nula. Como en moitos outros aspectos da vida política municipal, só funciona en base á reclamación continua, nin planifica nin actúa con previsión. Polo tanto non foi unha sorpresa que votara en contra da moción presentada pola concelleira do BNG Cristina Andrade, botando man dos mesmos argumentos de sempre, que dende fai tempo carecen de credibilidade para a cidadanía do noso concello.

O futuro governo do BNG neste concello porá en marcha de xeito inmediato o Consello Escolar Municipal, o seu simple funcionamento contribuirá a solucionar moitos dos problema comentados e evitará a aparición doutros novos.

Abaixo podes descargar a moción presentada ao pleno e rexeitada polo Partido Popular

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]