O BNG de Antas denuncia irregularidades na convocatoria da praza do secretario
Antas 2 de xaneiro de 2012: Os Concelleiros do BNG de Antas denunciaron no debate do pleno de Hoxe que se estaba levando a cabo un manobra política para intentar botar terra aos requirimentos da oposición, e aos reparos da secretaría intervención en asuntos transcendentais como é a Conta xeral dos anos 2004, 2005, 2006 e 2007, a contabilidade da empresa pública épica, a xestión do Iterreg III, contratos de persoal, e numerosos expedientes de pagamentos sen xustificar. Actuacións que de non xustificarse debidamente, son susceptibles de tipificarse como feitos delictivos e polo tanto punibles.
Os nacionalistas votaron ademais en contra da convocatoria para a provisión definitiva do posto de secretario, pola falta de rigor na proposta do Alcalde xa que esta non se fai avalada polos informes técnicos de secretaría nin foi informada nunha comisión convocada ao efecto, dada a importancia da decisión. Polo que entenden, segundo defendeu Doval: “Que se trata polo tanto dunha clara manobra política da que se poden derivar ademais graves consecuencias económicas para as arcas do noso Concello, xa que a partir de Xuño poderíamos atoparnos con dous secretarios en nómina se así resolven as instancias xudiciais”
En canto a delimitación do núcleo rural de Vilane o BNG de Antas mantivo a mesma postura de sempre, denunciando coa abstención a deixadez e pasotismo do Grupo de Goberno en canto ao urbanismo. Levando a Pleno só actuacións puntuais, promovidas pola necesidade de determinadas dotacións, ou ben aquelas iniciadas a instancias dalgún particular, que ata chegou a sufragar os custes da correspondente delimitación. E non respondendo estas delimitacións polo tanto as necesidades reais do conxunto da cidadanía de Antas.
Segundo sostén Doval “Antas necesita pasar deste modelo urbanístico do PP de Antas, improvisado, de pita escarabellando e sen sentido, a outro que conleve unha idea de pobo, pensado de forma global para o conxunto do Concello, coa aprobación do PXOM e a delimitación de todos e cada un dos núcleos rurais”
En asuntos de urxencia o Grupo Municipal do BNG defendeu nunha moción a necesidade de proceder de inmediato a instalación de marquesiñas e a reparacións daquelas susceptibles de arranxo nas paradas do Transporte escolar ante o estado de abandono no que se encontran as mesmas. Así como a reparación das vías polas que discorren as rutas do mesmo, e a señalización de zona escolar da Rúa Miguel Anxo Branco no entorno do Colexio. Aceptando o compromiso do Alcalde de subsanar todas as deficiencias que o Concelleiro propoñente achegue nos vindeiros días por escrito.
Ademais a Concelleira nacionalista María Abelairas, voceira encargada das preguntas e dos rogos, pediu explicacións pola nula actividade dos Complexos de “as canteiras” e o centro de ecoloxía aplicada de Frádegas, así como pola parálise da area industrial, e dos proxectos de ensanche das vía . Palas-Antas e Antas-Chantada. E no capítulo de rogos solicitou a reparación das vías municipais, así como que se xestione ante a Deputación o mantemento das vías de competencia provincial ante o seu deteriorado estado. Solicitou tamén a Concelleira a organización de un acto de información a cidadanía a respecto da Taxa municipal creada para as solicitudes de de incursión na legalidade das obras sen licenza fóra de ordenación dada a alarma o interese suscitado na cidadanía.