O BNG de Ames propón a constitución dun organismo municipal de vivenda en aluguer
Ames, 18 de xullo de 2012.- O responsábel local do BNG de Ames, Alberte Souto, rexistrou hoxe unha iniciativa ao Alcalde de Ames para que se constitúa unha coordenadora de entidades que traballan no eido social en Ames, así como para a creación dun organismo municipal de vivenda en aluguer.
O escrito faise eco das reivindicacións das entidades de carácter social debido á súa preocupación pola grave situación que atravesan moitas familias que non poden acceder a unha vivenda digna, así como nin sequera en moitos casos manter a vivenda da que dispoñen por non ter recursos económicos suficientes para afrontar o pagamento do aluguer, o que pode abocalos á marxinación e exclusión social.
O BNG de Ames propón articular un programa urxente para garantir o acceso á vivenda e facilitar a inserción social e laboralPerante esta situación, o BNG de Ames insta a que o concello de Ames impulse unha intervención pública decidida cara axudar ás persoas máis desfavorecidas nesta situación de crise económica, fomentando accións que permitan manter o seu dereito a unha vivenda digna, ademais de pular pola súa completa integración social, evitando o desarraigamento e a exclusión.
Así, proponse articular un programa con carácter de urxencia que promova garantir o acceso á vivenda digna das persoas con graves dificultades económicas así como a inserción laboral e social das mesmas, en base ao consenso e diálogo coas entidades sociais que desenvolven o seu labor en Ames e das entidades políticas representativas do concello.
Ante a crise que sufren moitos veciños e veciñas o concello de Ames non pode manterse pasivoDun xeito concreto, ese programa tería dous fitos inmediatos: a constitución dunha coordinadora integrada polas asociacións e entidades que traballan no ámbito social en Ames e os partidos políticos representativos, e por outra banda, a creación dun organismo municipal de vivenda social en aluguer, xestionado polo concello, en colaboración coas entidades sociais que desenvolven o seu labor en Ames, que conte coa participación de empresas e entidades relacionadas co ámbito inmobiliario, a fin de que se poida resolver de xeito rápido e eficaz, desde instancias públicas, a demanda de vivenda digna por parte das persoas e familias con escasos recursos económicos.