O BNG esixe a mellora urxente da estrada Roxos-Portomouro
A deputada do BNG Ana Pontón vén de rexistrar uha iniciativa para instar á mellora integral da estrada AC-453, que transcorre entre os concellos de Santiago de Compostela, Ames e Roxos, e constitúe unha vía de comunicación importante para vertebrar e integrar os tránsitos entre a comarca de Santiago, A Maía e o Val do Dubra.
Na actualidade, alén de que o incremento dos tránsitos na vía AC-543 xustifica xa a reforma e adecuación do seu trazado para mellorar a súa seguridade, presenta un deterioro evidente no seu estado de conservación e mantemento, que elevan o risco de accidentes, tanto para vehículos como para os peóns.
O BNG insta á Xunta de Galiza a que acometa unha reforma da devandita estrada para garantir unha axeitada protección da seguridade vial, da cal hoxe carece. O elevado risco que presenta de accidentes, agravado polas numerosas travesías polas que discorre, polas inexistentes proteccións e medidas de seguridade vial que hoxe son comúns na maioría das estradas, xustifican a priorización no investimento nesta estrada intercomarcal, cuxo estado actual se asemella máis ao dun vial de servizo agropecuario ou forestal, que ao dunha importante vía de comunicación.