O BNG interpela á Xunta para que amplíe as opcións de escolla na xornada escolar en Ventín
O BNG rexistrou no Parlamento de Galiza unha pregunta parlamentar dirixida á Consellaría de Educación para que aclare os motivos polos que non se amplían as posibilidades de escolla das nais e pais do CEIP de Ventín.
Segundo o referendo que foi convocado en dito centro, as opcións sometidas á decisión da comunidade escolar son a de continuar cunha xornada partida ou contar cunha xornada continua que dous días á semana se estende dende as 9:15 ata as 15:15 h.Esta proposta de horario, que mantería a nenos e nenas de 6 anos durante seis horas seguidas na escola, débese, segundo os responsábeis educativos e directivos do centro escolar, á necesidade de ter que adaptarse aos horarios dispoñíbeis por parte das empresas de transporte que cobren as rutas escolares na zona. Dese xeito, as opcións de escoller un horario escolar no devandito centro escolar non se formulan en función das necesidades da comunidade educativa, senón que veñen impostas polas empresas de transporte.
Por iso o BNG, interpela ao Goberno galego se está disposto a requirir, ou cando menos obrigar a negociar, ás empresas de transporte escolar cambios na súa organización para que haxa un maior abano de posibilidades para o horario escolar no dito centro, e en todo caso, se vaia a mediar para posibilitar a celebración dunha consulta no CEIP de Ventín sobre a xornada onde os pais poidan optar por dúas opcións verdadeiramente alternativas.
O BNG de Ames considera que o máis xusto é permitir ás nais e pais do CEIP de Ventín a poderen escoller entre dúas posibilidades de xornada (continua ou partida) ambas con horarios razoábeis, sen ter que estar absolutamente condicionados pola organización do transporte escolar.