O BNG solicítalle ao Alcalde de Ames que paralice o cobro das liquidacións atrasadas do lixo aos veciños do rural
Ames, 9 de maio de 2012.- O BNG de Ames está manter contactos co tecido asociativo veciñal de Ames para abordar a pretensión do concello de liquidar atrasos na taxa do lixo na zona rural do concello correspondentes aos anos 2009 a 2011. Así mesmo está a trasladar a súa postura contraria a este procedemento, que tamén foi posta en coñecemento de xeito formal ao concello.
O concello de Ames actuou durante anos sen amosar a dilixencia debida que se lle esixe a calquera xestor, máis aínda cando ten ao seu cargo diñeiro públicoPara o BNG de Ames é plenamente aplicábel a este proceso o principio xeral que afirma que “quen sabe e consente non recibe inxuria nin engano”, xa que durante anos o concello de Ames actuou sen amosar a dilixencia debida que se lle esixe a calquera xestor, máis aínda cando ten ao seu cargo diñeiro público. Unha situación atribuíbel tanto ao anterior Goberno, pero tamén ao actual, pois en case un ano foi incapaz de pór orde na xestión tributaria municipal, como se demostra co feito de que pretenda cobrar atrasos de 2011, cando na maior parte dese período o PP xa exerceu a responsabilidade de goberno.
O procedemento iniciado permite que saian á luz pública as deficiencias dunha nefasta xestión económica, que o Goberno que dirixe o Sr. Amor non foi quen de atallar e mesmo pretende seguir esquivando a base de medidas inxustas e ilegais, como é a de requirir o cobro atrasado de recibidos a través dun procedemento “exprés”, sen as mínimas garantías legais, cando o concello de Ames nin foi capaz de actualizar o padrón do recibo -ao que vén obrigada a Xunta de Goberno Local segundo a ordenanza xeral de xestión -, nin emitir os recibos regularmente a unha boa parte da veciñanza. Por todo iso, foi o propio concello quen provocou moitos veciños e veciñas non fosen, de boa fe, coñecedores da súas obrigas, e no canto de ofrecer unha solución xusta e equitativa, tenta penalizalos abusivamente.
O BNG de Ames está a facilitar ás persoas afectadas un formulario de alegacións que poñen en evidencia a ilegalidade do procedemento escollido e a vulneración de dereitos recoñecidos pola lexislación tributariaO BNG de Ames, a través do seu responsábel local Alberte Souto, vén de solicitarlle ao Alcalde do concello que, en aras da ecuanimidade, asuma a parte da culpa que ten, e dese xeito, paralice a pretensión de cobrar os atrasos na taxa do lixo a miles de persoas, e no seu lugar acometa unha regularización do padrón da taxa só con efectos para o futuro.
Así mesmo, o BNG de Ames está en contacto coas persoas afectadas, ás que lles está a facilitar un formulario de alegacións que poñen en evidencia, desde a óptica xurídica, a ilegalidade do procedemento escollido e a vulneración de dereitos recoñecidos pola lexislación tributaria, polo incumprimento das obrigas de boa e dilixente administración e asesoramento aos administrados por parte do concello de Ames. O referido modelo de escrito remata solicitando o arquivo do expediente, así como a anulación das liquidacións de anos atrasados que pretende recadar o concello, sen prexuízo da regularización que poida adoptarse con efectos desde este ano.