O BNG rexeitou en Ames os recortes aprobados polos Gobernos do PP no sistema sanitario público
Ames, 3 de maio de 2012.- O BNG de Ames rexeitou, nun concorrido acto celebrado no día de onte no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, as medidas recentemente aprobadas polo Goberno central presidido por Rajoy, e apoiadas polo Goberno da Xunta que lidera Feijoo, que introducen novos retallamentos nas prestacións sanitarias, así como amplían o copagamento nas prestacións farmacéuticas, estendéndoo tamén ás persoas pensionistas.
Coa política de retallamentos sociais que vén aplicando Feijoo durante tres anos, o único resultado obtido foi incrementar o desemprego e ter menor actividade nos sectores produtivos e na industriaO acto organizado polo BNG amesán contou coa presenza do seu responsábel local, Alberte Souto, quen afirmou que as medidas aprobadas polo PP no Goberno do Estado, e que Feijoo apoia sen fisuras, retrotraen os dereitos dos cidadáns á situación que había hai case tres décadas, ao deixar de considerar a sanidade como un dereito universal para voltar a ser un sistema de aseguramento profesional. Lembrou ademais, que coa política de retallamentos sociais que xa vén aplicando Feijoo durante tres anos, o único resultado obtido foi incrementar o desemprego en Galiza en máis de 100 mil persoas e profundizar no declive económico de Galiza, con menor actividade nos sectores produtivos e na industria.
O BNG de Ames contou coa participación da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galiza, a través de María Xosé Abuín, que destacou que o investimento en gasto sanitario aquí é inferior ao dos países do noso contorno, polo que os retallamentos aínda van a agravar máis as deficiencias na prestación sanitaria, que xa arrastraban enormes problemas após que Feijoo, en tres anos de Goberno, reducise o orzamento en 237 millóns de euros para a sanidade pública galega.
Avogou, así mesmo, por defender unha xestión pública do sistema sanitario galego, sendo este o principal obxectivo da iniciativa lexislativa popular que se está a impulsar, recalcando que a sanidade en Galiza é das máis baratas e eficientes no ámbito europeo debido precisamente a dito carácter público, que permite prestar máis e mellores servizos sen incorrer en gastos adicionais destinados a remunerar beneficios como acontece coa sanidade privada.
A parlamentaria do BNG Ana Luísa Bouza Santiago debullou para todos os asistentes os contidos do Real Decreto-Lei que aprobou recentemente o Goberno central, que supón un ataque frontal á garantía de asistencia sanitaria universal na rede pública, alén de ser inxusto ao pretender que sexan as persoas enfermas as que asuman esforzos adicionais para o financiamento da sanidade. Neste sentido, insistiu na necesidade dun cambio da política fiscal para que as persoas que máis teñen, as máis desafogadas, contribúan cun maior esforzo para poder manter os servizos públicos, tendo en conta ademais que a presión fiscal sobre as grandes fortunas e empresas é moi baixa en comparación cos Estados da UE, incluídos daqueles que foron obxecto de plans de rescate económico. Finalmente, alertou das cargas burocráticas que impón esta norma, coa que incluso as persoas con menos renda, particularmente pensionistas, terán que adiantar o copagamento farmacéutico, o que supón unha carga difícil de soportar para a maioría das persoas que padecen enfermidades crónicas.
Ao remate do acto, recolléronse sinaturas para respaldar a iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galiza, comunicando por parte do BNG que seguirán coa recollida de sinaturas a pé de rúa no concello de Ames ao longo do mes de maio, como xeito de colaboración coa Plataforma SOS Sanidade Pública.