O BNG leva ás rúas de Ames o seu rexeitamento á reforma laboral
A curta estancia do PP ocupando as responsabilidades de Goberno a todos os niveis, fainos albiscar con preocupación a plena asunción do programa económico dos grandes poderes económicos e financeiros, e a disposición para levar a termo políticas de axuste económico que atentan contra dereitos e conquistas sociais atinxidas a prol das maiorías sociais, sendo un expoñente ilustrativo diso a aprobación da recente reforma laboral.
Por iso, o BNG de Ames acordou levar a termo no concello unha campaña explicativa sobre esta nova regulación laboral inútil no que atinxe á recuperación económica baseada na creación de emprego estábel e digno, que é a principal aspiración da maioría das persoas no noso país, mais eficaz para reducir a mínimos os dereitos laborais. O BNG estivo presente nas rúas de Ames para sumar apoios ao rexeitamento da reforma laboral, tanto polo contido antisocial concreto que contén, como por representar unha medida máis dentro da política de retallamentos sociais que o actual Goberno está disposto a emprender, e animar á participación das mobilizacións convocadas polas organización sindicais representativas.