O BNG de Ames elixe os seus órganos locais e nomea responsábel local a Alberte Souto

Ames, 16/marzo/2011.-  A Asemblea do BNG de Ames procedeu á escolla de responsábel local, que será Alberte Souto, e do Consello Local, acordo que obtivo un respaldo unánime.A Asemblea elixiu como responsábel local a Alberte Souto, veciño de Ames,  que desempeñara esta función nos últimos 8 meses e tamén fora membro do Consello Local do BNG de Ames en anteriores períodos. Dentro da súa actividade política destaca ter sido membro do Consello Nacional do BNG (2009-2011) e secretario xeral na Consellaría do Medio Rural entre 2005 e 2009. Na actualidade é membro do Consello Comarcal de Compostela e da Comisión de Garantías do BNG.
O Consello Local está formado por doce persoas máis, representativas das parroquias rurais e núcleos urbanos que conforman o concello de Ames, así como dos distintos sectores sociais. Na composición combinouse, así mesmo, a renovación co mantemento de referentes locais con acreditada experiencia e valía política, que ostentaron cargos institucionais relevantes na localidade. Dese xeito, tamén integrarán o Consello Local, Xosé Fernández, quen fora portavoz do BNG durante doce anos no concello de Ames e tivera responsabilidades nas áreas de cultura e normalización lingüística no período de cogoberno do BNG nesta localidade (2003-2007); Mercedes Vidal, que tamén foi concelleira durante 8 anos e exerceu como concelleira na área de medio ambiente entre 2005 e 2007; David Santomil, que exerceu o cargo de concelleiro na maior parte do anterior mandato municipal (2007-2010); e Xesús Casas, que tamén conta con experiencia na institución local en representación do BNG, no período de 1999 a 2003.
A renovación do órgano de dirección local virá da man de persoas que avanzan no seu compromiso co proxecto político do BNG. Por unha banda, desde unha dilatada militancia política mais alonxada da dirección política, como por exemplo, Xoan Xosé Hidalgo, veciño de Milladoiro quen acredita un amplo e recoñecido labor no deporte de base, e Vítor Manuel Giadás Sánchez, que encetara o seu labor político sendo candidato nas listas do BNG nas eleccións municipais de 2011. E por outra banda, con persoas cuxa adhesión ao nacionalismo é recente, como Isabel Moares Rei, que reside no Milladoiro e conta cunha ampla traxectoria vinculada ao sindicalismo nacionalista, ou Francisco Rei Grille, en representación de Galiza Nova.

Completan o Consello Local Paula Castro, veciña de Bertamiráns e vinculada ao sindicalismo e ao xornalismo; Isabel Vaquero, que vive no Milladoiro e desenvolve o seu traballo no eido da normalización lingüística e a difusión cultural; Vitoria Traveso, residente en Bertamiráns e cunha relación co nacionalismo constante desde as primeiras etapas da súa vida; e Xosé Faxín Vilasenín, veciño da parroquia de Piñeiro e cunha arraigada actividade no tecido asociativo veciñal. Estas persoas, que tiveran presenza en dito órgano en distintas etapas, partillan, como nexo común, seren conscientes da necesidade de participar activamente para que as alternativas económicas, políticas e sociais que enarbora o BNG a prol dunha saída social á crise obteñan o máximo respaldo cidadán a fin de que non recaia nas maiorías sociais as negativas consecuencias dos axustes económicos impostos polos Gobernos do PP.

A Asemblea Local do BNG de Ames tamén reitera a todas e todos os amienses, particularmente aos máis de 2.000 que depositaron a súa confianza no proxecto e nas siglas do BNG nos dous procesos electorais celebrados en 2011, o noso compromiso de continuar desenvolvendo unha actividade política centrada en mudar as políticas regresivas actuais dos gobernos do PP, e en sumar apoios para que o nacionalismo amplíe os seus apoios co fin de representar acaidamente os intereses das maiorías sociais do noso concello.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]