Masiva mobilización contra o abusivo cobro do lixo no rural de Ames

No serán do día 31 de maio de 2012, baixo unha calor que axusticiaba a todas as persaoas alí presentes, tivo lugar a primeira concentración pública convocada pola Plataforma do Lixo para expresar publicamente o rexeitamento ao cobro abusivo da taxa do lixo por parte do goberno municipal do concello de Ames.

A Plataforma veciñal, integrada por todo o movemento veciñal de Ames, así como polas forzas políticas representativas, entre elas o BNG, colleitou un rotundo éxito nesta mobilización, o que dá boa proba de que tanto a razón como a xustiza van da man dos miles de veciños e veciñas afectadas.

O actual Goberno municipal do PP vai camiño de converterse no máis antipopular dos habidos até o de agoraO Goberno do PP de Ames é incapaz de atopar unha solución equitativa, pois, como se demostrou onte, non ten vontade nin sequera de sentarse a negociar. Outra volta, como xa fixera nas xuntanzas celebradas nas parroquias cos veciños e veciñas, emprega torticeiros e tortuosos argumentos legais para agochar que nin quere nin está disposto a renunciar ao cobro dos atrasos do lixo. Unha situación totalmente inxusta, pois foi provocada polo anormal e pouco dilixente funcionamento da administración municipal.

O BNG volve a solicitarlle ao Alcalde de Ames que deixe de parapetarse detrás duna suposta legalidade, que non lle ampara para levar a termo a súa estratexia para recadar o máximo posíbel ás familias do rural no concello. Unha intención que partilla coa estratexia xeral do PP, consistente en pedir cada vez máis sacrificios ás persoas humildes, no canto de procurar recadar máis de quen máis ten.

A mobilización en Ames demostra que o Goberno municipal vai camiño de converterse de xeito "exprés" no máis antipopular dos habidos até o de agora, ao ser incapaz incluso de escoitar os argumentos e xustas reivindicacións das persoas, ao mostrarse ausente e esquivo coa franca e propositiva actitude da veciñanza de Ames, que anceia unha solución satisfactoria para ambas partes, incluso a través do esperpento de dar lectura de informes técnicos que non viñas ao caso.

As persoas que viven no rural de Ames queren unha resposta clara, e solicítanlla ao grupo político que ten a responsabilidade de gobernar. Non agardan respostas diletantes e burocráticas, solicitadas a interese de parte, que pretenden xustiticar unha inxustiza.

Instamos ao Alcade do concello, Sr. Amor, a que rectifique e, como primeiro, paso necesario, amose a vontade de negociar dando unha paso atrás coa proposta de cobro retroactivo das taxas do lixo desde 2009 e a que acepte abordar a regularización desde 2012, como de xeito practicamente unánime lle está a demandar a veciñanza do rural de Ames.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]