Sen acto institucional do 25 de xullo en Ames

O BNG de Ames amosa o seu rexeitamento coa decisión tomada polo Goberno do PP de Ames, quen vén de renunciar a organizar e celebrar o acto institucional do 25 de xullo, día da Patria Galega.

Esta decisión confirma a vixencia da estratexia do PP, tamén en Ames, de menosprezar as evidencias e eventos que confirman que Galiza conta cunha identidade propia, que lle dan un carácter nacional. Tamén constata que a idea do PP é representar unha Galiza subordinada e asimilada a intereses alleos, negando a que no ámbito institucional se ensalcen as peculiaridades propias.

A celebración do Día Nacional de Galiza fora impulsada desde o BNG en 2003, cando ocupou responsabilidades de goberno en Ames, como elemento de reafirmación do orgullo de sermos galegos e galegas desde Ames. A boa aceptación desa celebración ao longo de varios anos indica que, malia as avesas intencións do PP, as veciñas e os veciños amesás, son conscientes de que afirmación da identidade galega é o mellor xeito de exercermos dignamente a nosa personalidade no mundo.

Por iso, a decisión do Goberno do PP en Ames é gravemente desafortunada: por renegar de celebrar un día que nos une a toda a veciñanza de Ames en base ao que somos, e por negarlle á maioría social do concello un acto institucional amplamente aceptado e que forxa aínda máis a nosa unión e cohesión social.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]