O BNG da Laracha presentou unha iniciativa contra a reforma laboral do PP
membros do Grupo Municipal do BNG da Laracha
Estamos ante un ataque aos dereitos das traballadoras e dos traballadores sen precedentes na democracia, que leva as relacións laborais practicamente ao franquismo. Con estas políticas o Partido Popular deixa a vida das traballadoras e dos traballadores nas mans dos empresarios que poderán dispoñer da xornada, rebaixar salarios, e despedir mesmo a un traballador por acumular 8 días de baixa por enfermidade no periodo de 2 meses (aínda que sexan xustificados).
A reforma aprobada polo anterior goberno do PSOE hai algo máis dun ano xa recurtou dereitos e abaratou o despido, e non serviu para crear emprego senón máis ben todo o contrario, produciu un aumento considerábel do desemprego. Agora o despido xa se abarata moito máis, xeneralizando a indemnización de 20 días por ano traballado, e incluso eliminando a necesidade de aprobación por parte da administración dos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), que agora xa poden levar a cabo as empresas sen necesidade de que a autoridade laboral os teña que aprobar, e sen necesidade de acordo cos traballadores. Esta reforma vai supoñer máis paro aínda ao facilitar enormemente o despedimento, e vai supoñer a perda de dereitos conquistados pola clase traballadora durante máis de 30 anos de loitas.
O Grupo Municipal do BNG demandou que todos os grupos da Corporación rexeitasen esta reforma laboral tan regresiva, e que se transmitise ese acordo plenario ao goberno central. O Partido Popular da Laracha votou en contra desta iniciativa e manifestouse a favor desta reforma laboral que denigra á clase traballadora.
O BNG fixo un chamamento tamén á veciñanza para que se mobilizase en contra desta nova aldraxe, deste verdadeiro atropello á clase traballadora, e que apoiase a Folga Xeral convocada pola CIG para o día 29 de marzo.
Hai que ter en conta que estas medidas non só van contra os traballadores e as traballadoras, tamén terán consecuencias negativas para os autónomos e o pequeno comercio, pois a perda de poder adquisitivo da maior parte da xente suporá para eles menores ingresos. O mesmo que sucede cos recortes nos servizos públicos, que ademais deteriorar a calidade da prestación destos servizos e incrementar as listas de espera na sanidade (por exemplo), tamén supoñen un recorte no poder adquisitivo dos empregados públicos que, evidentemente, repercute nun menor gasto.